DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Silvia García reflexiona sobre as transformacións da infancia no seu primeiro libro

Nenas que medran a través de poemas e fotografías

Os textos acompáñanse de imaxes anónimas de diferentes partes do mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/10/2020

As “transformacións corporais” que se producen ao longo da infancia, as sensacións, inseguridades e incomodidades que rodean o proceso de crecer ou a sensación “de que o mundo dos adultos está cheo de regras” son algunhas das cuestións sobre as que a profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García reflexiona, a través da poesía, no libro Nenas medrando. Editado por Chan da Pólvora, o libro presenta os diferentes poemas xunto a fotografías anónimas, procedentes de coleccións domésticas de diferentes países, que García foi reunindo ao longo dos anos. “Para falar desas cousas das que non se soe falar na infancia, da incomodidade física, de como seguen transmitíndose estereotipos, do non adaptarse ás regras do mundo dos adultos, pareceume que pagaba a pena facelo a través da poesía”, sinala García, que na tarde deste venres presentará, xunto co editor, Antón Lopo, o que é o seu primeiro libro de poemas na cafetaría do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.

Os preto de 30 poemas reunidos neste volume vense acompañados por unha serie de fotografías domésticas, procedentes de diferentes puntos de Europa, de América ou do Xapón, que en boa parte dos casos serviron como inspiración dos textos. “Nalgúns dos casos é máis evidente esa relación coa fotografía, noutros máis enigmático”, apunta a autora dun libro que reúne poemas escritos nos últimos anos cunha serie de fotografías que tamén foi compilando ao longo dos anos co propósito de tratar “de observar un patróns nas poses” de mulleres e nenas de diferentes épocas e países 

“Ao final, todo foi tendo unha unidade”, recoñece García de Nenas medrando, libro que a pasada semana presentaba na Semana do Libro de Compostela (Selic). Un libro que, recoñece, nace tamén das propias reflexións “como nai dunha nena á que non quería educar no medo, senón para que se sinta segura”, e de experiencias persoais que a levaron a “volver sobre a reflexión do noso corpo ao longo da vida”. De feito, recoñece a docente, cara o final do volume "as nenas medrando xa son máis que adolescentes, aínda que tamén queda esa idea de que algo das nenas que fomos permanece dentro de nós”. 

Camiños paralelos

No ano 2009, García levou a cabo unha intervención artística na biblioteca do CGAC titulada Os silencios que comeu Alicia, xurdida da propia reflexión da artista observando as fotografías que Lewis Carroll realizara a Alice Liddell, “e nas que a nena nunca aparece contenta”. sinala. “Empecei a pensar nesa incomodidade da que non se soe falar e que se transluce nas fotografías”, engade García, que explica “que a partir dese proxecto comecei a escribir poemas sobre determinadas sensacións da infancia e asocialos á fotografías”.

De xeito paralelo, a idea da pose e dos silencios e posibles incomodidades que se esconden tras esta levárona a ir adquirindo, tanto en mercadiños de diferentes partes do mundo como a través de internet, unha serie de retratos anónimos de mulleres e nenas. “Estiven buscando distintas fotos para ver como se transmitía a pose, se había diferencias entre países...”, sinala dun proxecto que “aínda non está pechado”, que ten pendente tamén “unha análise académica” e do que derivaron á súa vez exposicións como Relecturas da feminidade. Rastro Material. Promovida en 2017 co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade, a exposición que García levou ás bibliotecas dos tres campus reunía unha selección de preto de 50 fotografías, principalmente de mulleres adultas, coas que buscaba articular unha reflexión sobre como se interpretan as imaxes fóra do contexto cultural no que foron feitas.