DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A G-Night encheu de actividades de divulgación científica as grandes cidades galegas 

A noite na que a ciencia tomou Galicia

A UVigo coordinou a xornada protagonizada polas “Conciencias creativas”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 24/09/2021

Nunca, como esta tarde- noite do 24 de setembro, estiveron as galegas e os galegos tan preto do coñecemento científico. A ciencia nas súas máis variadas expresións, saíu hoxe ao encontro da cidadanía, co gallo da G-Night, para ocupar espazos que lle son tradicionalmente alleos, convertendo a miles de persoas en Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo en privilexiados “cómplices” e alumnos e alumnas do persoal científico das tres universidades e e centros de investigación de Galicia, que deu sobrada mostra das súas “Conciencias creativas”, lema da G-Night, que fai referencia á creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade.

Con Vigo como epicentro e a súa universidade como coordinadora, a G-Night desenvolveu, como noutras 300 cidades de Europa, as súas actividades no Tinglado do Porto de Vigo, onde tivo lugar a inauguración da xornada, a cargo do reitor, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras de Comunicación e Investigación, Mónica Valderrama e Belén Rubio; no edificio Redeiras de O Berbés; na Biblioteca Central do campus; no Marco e no bar Vitruvia. Ademais, a embarcación Inndaga do grupo de investigación Geoma realizou durante a tarde varios paseos polo interior da ría, nos que amosaron ás persoas que participaron nesta actividade técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño. Pola súa banda, as cidades de Pontevedra e Ourense acolleron cadanseus paseos científicos e charlas en bares a cargo de investigadoras e investigadores de ambos campus.

Cunha visita á feira que se desenvolveu no Tinglado do Porto e na que estivo acompañado, ademais de polas vicerreitoras de Investigación e Comunicación, polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, polo director do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO – CSIC); polo vicedirector de Organización do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM – CSIC) e polo director xeral de Gradiant , o reitor da UVigo, Manuel Reigosa incidiu na importancia desta celebración, para que “a cidadanía coñeza que se fai nos laboratorios, moi especialmente na universidade, pero tamén noutras institucións que se dedican á investigación”. Para o reitor da UVigo, que gabou o traballo na organización do evento da Unidade de Cultura Científica da UVigo, “é importante que os rapaces e rapazas saiban que a investigación é unha carreira importante para o país e  que vai supoñer moito para o desenvolvemento da economía . As e os investigadores están a facer un esforzo para saír á rúa e comunicar o que se está a facer”, dixo Reigosa.

Feira, charlas, exposicións, observación astronómica e música para espallar a ciencia por Vigo

Unha ducia de postos que acollían, ben, actividades nas que o público, especialmente as nenas e os nenos participaron, ben, proxectos desenvolvidos polo alumnado da UVigo, como o vehículo UM21 ou BIXO, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, conformaron a feira científica que esta tarde noite albergou o Tinglado do Porto de Vigo. Alí docentes e investigadores como Marco Jabaleira amosaron a vida que se agocha nunha pinga de auga de mar; Paloma Morán e Diana Valverde descubriron a importancia da mosca da froita na investigación xenética; Felipe Gómez explicou como se propaga a voz; Teresa Rivas achegou o valor dos minerais na expresión artística; Iván Garrido presentou o que a técnica da termografía infravermella pode descubrir dos obxectos e María Pazo introduciu aos asistentes no mundo dos materiais intelixentes. Ademais das demostracións e experimentos que se desenvolveron nos postos, o Tinglado do Porto tamén foi escenario da elaboración dun mural en directo, así como da retransmisión do programa Efervesciencia, da Radio Galega.

Pola súa banda, o edificio Redeiras de O Berbés puxo o seu auditorio a disposición de investigadoras e investigadores da UVigo e doutros centros que achegaron ás persoas asistentes os seus coñecementos en cuestións como as emisións de CO2 e quecemento global (Gianluca Marino); a lingüística no século XXI (Miguel Cuevas e Rosalía Rodríguez); o papel das materias primas minerais na actualidade (Elena Alonso); a profesión de investigadora (María Crego) e a redución dos impactos ambientais na industria conserveira (Álvaro Silva). O edificio Redeiras tamén acolleu a mostra En galego! Exposición sobre divulgación científica na nosa lingua.

No campus universitario de As Lagoas, as actividades da G-Night se concentraron na Biblioteca Central  cunha observación astronómica e un obradoiro de orientación astronómica e de manexo de planisferio a cargo da docente e investigadora da UVigo Ana Ulla. Na biblioteca, que tamén acolle varias exposicións sobre astronomía, tamén se celebrou un concerto do grupo vigués de blues e soul Tinta.

De volta ao centro de Vigo, o Marco foi escenario dunha mostra e práctica de luthieria electrónica e experimental con instrumentos deseñados e construídos por Honorino García,así como dunha performance da artista Mónica Nut a partir das visitas que realizou ao IIM-CSIC de Bouzas. Unha proxección e debate sobre o documental A muller romana da Gallaecia coas docentes da UVigo María José Bravo e Susana Reboredo e un obradoiro demostrativo centrado na noite e a escuridade no mar, organizado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, completaron as actividades desenvolvidas esta tarde-noite no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. O mar, e máis concretamente o interior da ría de Vigo, tamén foi a contorna na que a embarcación Inndaga do grupo de investigación Geoma realizou varios paseos científicos.

Mentres, no bar Vitruvia desenvolvéronse tres charlas sobre as últimas investigacións dedicadas á protección do street art (Iago Pozo); por que comemos tan ben nas Rías Baixas (Esperanza Broullón) e o dieselgate (Raquel Orozco). 

Coñecendo o “ecosistema” do campus de Ourense e medindo árbores con novas tecnoloxías en Pontevedra

Dúas foron as actividades celebradas en Ourense no marco da G-Nigth. A primeira delas levou por título Os saberes de Calpurnia e nela persoal docente e investigador e alumnado dos diferentes centros campus de Ourense guiaron ás e aos visitantes nun paseo científico que tivo por obxectivo amosarlles o "ecosistema" deste campus. As e os participantes percorreron os distintos edificios e algúns dos enclaves máis destacados da zona universitaria guiados por profesorado disfrazado de Calpurnia Abana (considerada “a primeira dama que veu a Ourense a tomar as augas”) e participando nunha xincana de preguntas e respostas. A idea, indicaron desde a organización, foi que as e os asistentes “descubrisen xuntos o patrimonio científico, natural, arqueolóxico-histórico, arquitectónico, sonoro, paisaxístico, fáunico, cidadán, interxeneracional, olfactivo, acuático, simbólico… do campus”. A visita rematou na Biblioteca Rosalía de Castro coa realización dun mural colaborativo conxunto. 

A segunda actividade, Ciencia no bar, desenvolveuse en El Pueblo Café Cultural, no centro da cidade, e consistiu en dúas charlas divulgativas: unha titulada Por Tutatis, o ceo cae sobre as nosas cabezas!, a cargo do físico Juan Antonio Añel, e outra titulada Intelixencia ou estupidez artificial e ofrecida polo enxeñeiro informático Arno Formella. 

No caso de Pontevedra, a G-Night arrancou no Parque das Palmeiras, onde a EE Forestal preparou un paseo científico, no que as persoas interesadas podían sumarse á medición con tecnoloxía láser das diferentes árbores. A través do láser terrestre TLS e do dispositivo móbil Geoslam, puideron coñecer, por exemplo, que a árbore máis alta é unha araucaria de máis de 30 metros e colaborar na xeración dunha imaxe tridimensional do parque a partir do procesado das nubes de puntos xeradas con esta tecnoloxía. O obxectivo era “cambiar un pouco a percepción da enxeñaría forestal” e amosala como un eido “punteiro en tecnoloxía, coa que podemos facer cousas ata hai pouco imposibles”, como salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, que levou a cabo esta actividade xunto coa a profesora Julia Armesto e as investigadoras Laura Alonso, Ana Solares, Thais Rincón e Andrés Rodríguez. 

A G-Night completouse na cidade co coloquio que protagonizaron no bar La Gramola a investigadora do grupo EcoEvo Anais Rivas, quen ofreceu un relatorio titulado Animais moi humanos ou humanos moi animais?, e o integrante do grupo DX5 de Belas Artes José Andrés Santiago, quen se achegou aos “segredos” da banda deseñada.