DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro tiña aberto eleccións ao rematar Susana Álvarez o seu mandato

Non se presentan candidaturas ao decanato da Facultade de Dereito

Nestes casos o equipo saínte segue en funcións ata unha nova convocatoria electoral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 08/06/2026

O pasado mes de abril abriuse o proceso de eleccións ao decanato da Facultade de Dereito do campus de Ourense, ao cumprirse os tres anos de mandato do seu actual equipo, encabezado pola profesora titular da Área de Filosofía do Dereito Susana Álvarez. Cumprindo o calendario electoral establecido, este luns tivo lugar a proclamación definitiva de candidaturas, quedando deserta ao non presentarse ningunha proposta. 

O regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo establece que, se convocadas as eleccións a órganos unipersoais, como é este caso, non se presentase ningunha candidatura, o reitor ou reitora resolverá, con carácter xeral, a continuidade en funcións da anterior persoa titular, que deberá convocar novas eleccións no prazo máximo de seis meses. Se, por circunstancias excepcionais, a anterior titular non puidese continuar en funcións, o reitor ou reitora nomeará en funcións á catedrática ou catedrático máis antigo do centro ou, no caso de non ser posible, á profesora ou profesor titular de universidade ou profesora ou profesor doutor con vinculación permanente á universidade máis antigo do centro. 

O equipo decanal da Facultade de Dereito que agora remata o seu mandato, iniciado en febreiro de 2023, e que continuará polo tanto en funcións ata novas eleccións, está encabezado por Susana Álvarez, profesora titular da Área de Filosofía do Dereito, do Departamento de Dereito Privado, e membro do grupo de investigación Medea Iuris. Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, é vicedecana de Organización Académica; Lourdes Borrajo, profesora titular da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, é vicedecana de Calidade, e María Belén Sánchez, profesora titular de Dereito Internacional Público, é secretaria e coordinadora de Relacións Internacionais. Completan o equipo Mónica Siota, que se encarga da coordinación do grao; e María Dolores Fernández Fustes, coordinadora do Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría.