DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Noticia honoris

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/06/2026

Coincidindo co Día de Portugal, a Universidade de Vigo investiu este mércores, 10 de xuño, ao catedrático de Educación António Manuel Seixas Sampaio da Nóvoa como 32º doutor honoris causa desta institución académica. Con esta distinción recoñécese a súa dilatada traxectoria e contribucións no eido da pedagoxía, nomeadamente na historia da Educación, ao longo dunha vida na que ten sido ademais reitor da Universidade de Lisboa, embaixador de Portugal na Unesco e candidato á presidencia do país veciño. O homenaxeado recibiu o nomeamento reivindicando a educación para “devolverlle á mocidade a esperanza nun futuro que nunca lle debemos quitar” e para avanzar cara a “liberdade libre, libertaria e libertadora”. 

O solemne acto académico de investidura tivo lugar no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do campus de Ourense, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e estando na mesa Luís Manuel dos Anjos Ferreira, reitor da Universidade de Lisboa; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e Francisca Fariña, directora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa. Entre o público estaban membros da comunidade universitaria e autoridades galegas e portuguesas, entre elas Carmen García Mateo, próxima reitora da UVigo, o deputado Rosendo Fernández e a concelleira Tamara Silva, ademais de membros do equipo de goberno da UVigo e claustrais. 

A concesión desta distinción, lembrouse no acto, foi aprobada polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo o 25 de marzo de 2026, tras ser proposta polo Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa co aval doutros oito departamentos do ámbito xurídico-social da UVigo. Xosé Manuel Cid, profesor de Historia da Educación da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, promotor da proposta, foi o encargado de ler a laudatio do homenaxeado. “Cumprimos 50 anos de Pedagoxía en Ourense, 25 como facultade que aglutina os cursos de formación de profesorado, Educación Social e Traballo Social desde 2001. Nada mellor para celebralo, que recibir no noso claustro, ao primeiro profesor honorario da Pedagoxía, especialista en historia da educación, educación comparada e en prospectiva educativa”, apuntou no seu discurso. António Nóvoa, dixo, “combinou de maneira excepcional as análises do pasado da educación e as propostas de política educativa internacional para o futuro, baseadas na realidade do presente e as conquistas conqueridas ao longo do tempo, en particular na historia contemporánea”. A figura do homenaxeado, dixo, é “admirada por todos os países que aspiren a unha educación nova, con base nos dereitos humanos, a democracia, a paz e a xustiza social, e polos organismos transnacionais que se apunten a reimaxinar xuntos os futuros da educación”. 

Pasado, presente e futuro para a educación

Tras serlle imposto o barrete, o libro, o anel, as luvas brancas e a medalla correspondentes, o homenaxeado ofreceu o seu discurso de ingreso, no que puxo no centro a mocidade, a liberdade, a esperanza de futuro e os dereitos, sempre en relación coa educación. Nas súas palabras salientou que “este doutoramento facíame falta, por ser dunha universidade de Galicia, e de Vigo, a cidade mais próxima da miña terra, Valença”. António Nóvoa expresou o seu “agradecemento profundo e sentido á Universidade de Vigo e a todas as persoas que hoxe quixeron estar aquí, xuntas, comigo”. O novo honoris causa da UVigo lembrou que “foron moitas as andanzas da miña vida” pero que “todos os camiños condúcenme ao punto de partida: a cultura galego-portuguesa, raiana, transfronteiriza, onde comecei, onde me comecei”. Igualmente, na ollada ao seu camiño vital, apuntou que está especialmente “orgulloso de pertencer a unha xeración que venceu as loitas pola liberdade; que revelou unha profunda consciencia social e planetaria; que alertou para os perigos ecolóxicos, nucleares, armamentistas, demográficos, dixitais; que denunciou concentración extrema da riqueza, o agravamento das desigualdades e as violacións dos dereitos humanos”, facendo unha reivindicación especial destes dereitos. 

Porén, apuntou o homenaxeado, desde entón “sen nos decatar, fomos anunciando á mocidade un futuro peor que o noso e esquecémonos dunha condición da existencia humana: non hai futuro sen un imaxinario de esperanza, e foi aí que fallamos”. António Nóvoa sinalou que “deixamos ese imaxinario nas mans de ‘monstros’ mercadores de ilusións, profetas tecnolóxicos e demagogos sen pudor, que prometen todo a todos, indiferentes á verdade”. Ante o perigo que isto supón para as novas xeracións, o relator subliñou que “non basta con denunciar, temos tamén que enunciar, propor, crear, construír; non se trata de vender ilusións, mais si de erguer unha esperanza aprendida, esclarecida, capaz de enfrontar a realidade sen ceder á fatalidade”. Neste senso apuntou que “é esta a nosa tarefa maior na educación, na universidade: construír, coa mocidade e pola mocidade, novas posibilidades, recusando as ilusións sen abdicar da esperanza. Só así encontraremos unha saída para o impas que nós mesmos construímos”. 

A educación, recalcou no seu discurso o homenaxeado, “é un ben común, é unha relación, é un encontro entre xeracións. Ninguén se educa só, precisamos dos outros, dos nosos colegas, dos nosos profesores, precisamos da palabra, da presenza, do exemplo”. Educar, sinalou, “non é apenas obter resultados, tarefa na que as máquinas tal vez nos veñan a superar; educar é valorizar o camiño que conduce aos resultados: a procura, a dúbida, o estudo, o traballo conxunto, a reflexión, a disciplina, a descuberta”. Tal vez veña o día, afirmou no seu discurso António Nóvoa, “en que sexa posible comprar ou alugar ‘intelixencia’ na Internet mais ninguén poderá comprar ‘educación’, porque aquilo que nos educa non é a resposta: é o percurso, a experiencia que nos transforma en canto a procuramos”. Neste contexto, o novo honoris causa dixo que “a grande utilidade das universidades consiste, xustamente, en seren diferentes: diferentes das empresas, diferentes dos mercados, diferentes das restantes institucións. A súa misión é habitar outro tempo e outro modo. Se persistiren en asemellarse ás demais institucións, perderán a súa singularidade, e nese día tornarse prescindibles”. Tomando súa a frase de Bernardino Machado, profesor universitario e presidente da República, afirmou que “unha universidade debe ser escola de todo, mais sobre todo escola de liberdade".

“Bo e xeneroso”

No seu discurso de peche do acto de investidura do novo doutor honoris causa da UVigo, o reitor en funcións cualificou a António Nóvoa como “bo e xeneroso” en referencia “á fidelidade dos seus principios, coherencia ética e compromiso coa sociedade”. Un nomeamento que Manuel Reigosa considera “enriquece a nosa comunidade universitaria e contribúe a facer da nosa Universidade un lugar mellor” e que homenaxea “unha maneira de entender a educación como instrumento de emancipación, a universidade como servizo público e o coñecemento como responsabilidade social”.

Nunha das súas últimas intervencións ante a comunidade universitaria, Reigosa volveu alertar “da pantasma que percorre o mundo alimentando a desconfianza, a exclusión e o odio”, unha visión do mundo, dixo “incompatible coa propia idea de universidade”, nacida dunha vocación universal e que existe para ampliar as fronteiras do coñecemento, formar cidadáns libres e contribuír a mellorar a sociedade. “A nosa razón de ser non é outra que a procura da verdade e poñer o saber ao servicio do ben común”, dixo o reitor, que se referiu á educación como unha ferramenta decisiva, “non para adoutrinar, senón para emancipar; non para substituír o pensamento, senón para facelo posible. Para formar persoas capaces de exercer unha cidadanía crítica, consciente e responsable”.

Aproveitando a solidariedade que Manuel Reigosa asegura que existe no corazón da mocidade, o reitor sinalou que o horizonte debe ser o da construción dunha sociedade máis xusta e que sexa quen de facer realidade a vella aspiración marxiana de “dar a cada persoa o que necesita e de crear as condicións para que cada quen poida achegar ao ben común o mellor das súas capacidades. Que non desperdicie talento por razón de orixe, de cor da pel, xénero, orientación sexual ou de calquera outra circunstancia persoal”.

O reitor gabou a dedicación da Nóvoa á educación, así como a súas extraordinarias contribucións e a súa capacidade de combinar a excelencia académica coa responsabilidade institucional, o rigor intelectual coa capacidade de xestión e a reflexión crítica co compromiso cívico. “Participou na construción dunha grande universidade cunha visión que sempre situou os principios por enriba da conveniencia e o interese xeral por enriba dos intereses particulares”, afirmou.

Do mesmo xeito, Luís Manuel dos Anjos Ferreira, reitor da Universidade de Lisboa, puxo en valor a “extraordinaria traxectoria” de António Nóvoa, destacando en relación coa institución que preside o feito de que “foi un dos construtores da Nova Universidade de Lisboa”. Recollendo o legado do homenaxeado e a súa visión da educación para a transformación das persoas, o reitor luso reivindicou o papel da educación, e nomeadamente das universidades, tamén como “lugares de fermentación da paz” nun mundo cada vez máis polarizado e turbulento. O responsable académico salientou que o acto celebrado este mércores é unha mostra da cada vez maior vontade de colaboración entre as universidades de Lisboa e Vigo e amosou a súa confianza en “fortalecer a capacidade conxunta de transformar os nosos países e o noso mundo” desde a educación e o espazo universitario. 

Recoñecemento a unha dilata traxectoria

Natural de Valença (Portugal), e con familia de orixes galegas por parte de pai, António Nóvoa viviu a infancia (1954-1964) no Alto Miño e a adolescencia en Oeiras (1964-71). En 1971 trasladouse a Coimbra para estudar Matemáticas, despois a Lisboa (para estudar Artes) e logo a Aveiro (1977-80), de onde parte cara Xenebra (Suíza) para a formación universitaria en Ciencias da Educación (1980-1986) e onde presenta a súa primeira tese. Así, como profesor e historiador da Educación formouse en Xenebra (doutorado en Educación en 1986) e Paris IV-Sorbonne (doutor en Historia en 2006). Con destino profesional na Universidade de Lisboa desde 1985 (catedrático desde 1996) e ata a súa xubilación en 2024, o homenaxeado visitou numerosos países para a súa formación e desenvolvemento profesional, estando en destacadas universidades, sobre todo en Francia, Brasil e Estados Unidos, pero sen deixar de lado as súas raíces na localidade raiana con Galicia. 

En relación á súa traxectoria investigadora conta con máis dun cento de artigos publicados en revistas e outros tantos capítulos de libros, 37 libros, 70 prefacios, máis de 25 teses dirixidas e moitos traballos de mestrado en distintas universidades e países. Ademais, foi personaxe clave tamén no goberno da Universidade de Lisboa, da que foi vicerreitor e reitor, entre 2006 e 2013, e reitor honorario da mesma desde 2014. Foi tamén candidato á presidencia de Portugal por parte das esquerdas en 2016, embaixador de Portugal na Unesco (2018-2021) e membro do 'bureau' do seu consello executivo. 
O nomeamento da UVigo súmase ao de doutor honoris causa das universidades lusas de Algarve (2015) e Lusófona de Humanidades e Tecnologias (2016) e das universidades brasileiras de Brasília (2015); Rio de Janeiro (2017); Federal de Santa Maria (2019) e São Paulo (2021). Ademais António Nóvoa é profesor honorario do Instituto Politécnico de Macao, na República Popular da China (2018). Xunto a estes recoñecementos, ten recibido diferentes condecoracións, como a Grã-Cruz da Ordem da Instrução Pública da República Portuguesa (2005), e distincións como ser membro académico correspondente da Academia Internacional da Cultura Portuguesa, desde 2015, e membro do Conselho de Estado, entre 2022 e 2024 .