DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto dende este mércores ata o 12 de outubro

A nova edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero oferta 19 cursos abertos a toda a cidadanía

Os contidos inclúen educación sexo-afectiva; ciencia e xénero ou reflexións sobre sexo e xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/09/2022

En marzo de 2020, en pleno confinamento, a Unidade de Igualdade lanzaba a primeira edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero, unha iniciativa que buscaba dar resposta ás necesidades de formación en xénero, reforzando, ademais, o obxectivo da Universidade de Vigo de converterse nun referente social en igualdade. Con dúas edicións cada ano, esta proposta está xa consolidada na oferta académica da UVigo e, co comezo do curso 2022/2023, ponse en marcha unha nova convocatoria, composta por 19 cursos artellados arredor de cinco grandes áreas temáticas.

O programa aborda temáticas que van dende unha reflexión sobre as novas masculinidades ou a pornografía ata a relación entre xénero e tecnoloxías emerxentes, a corresponsabilidade ou o acoso sexual. A formación é completamente virtual, en modalidade asíncrona, e a duración de cada programa varía entre 15 e as 40 horas. Os cursos poden realizarse soltos ou por bloques e na orde que se prefira, aínda que dende a Unidade de Igualdade recomendan comezar polo de Introdución á perspectiva de xénero para ter claros algúns conceptos básicos sobre xénero. 

A matrícula farase por orde de inscrición ata completar o número máximo de prazas, que será de 120 persoas por curso. O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 12 de outubro para todos os membros da comunidade universitaria e tamén para a cidadanía en xeral a través de Bubela. Os cursos pódense realizar ata o 28 de novembro de 2022.

Cinco grandes áreas temáticas

Os cursos do itinerario están agrupados en cinco temáticas, que van dende a introdución á formación en xénero; a educación sexo-afectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade e novas reflexións sobre o sexo/xénero.

O primeiro bloque, de carácter introdutorio, comprende catro cursos: introdución á perspectiva de xénero; economía de xénero; A comunicación e o xénero e a perspectiva de xénero na educación.

No bloque dedicado á educación sexo-afectiva impartiranse dous cursos, un sobre educación afectivo-sexual e outro titulado Pensar o amor no século XXI. O terceiro bloque de cursos que aborda a relación entre ciencia, tecnoloxía e xénero, comprende catro formacións sobre a dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC; as mulleres e ciencia; a inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e a intelixencia artificial e xénero. 

O bloque sobre políticas de igualdade tamén contempla catro cursos, un sobre normativa básica de xénero; outro sobre acoso sexual e acoso en función do sexo; outro sobre sustentabilidade da vida e a conciliación e corresponsabilidade e un cuarto sobre políticas públicas de igualdade.

Finalmente, no quinto bloque abordaranse as novas reflexións sobre o sexo e o xénero a través de cinco formacións: Xénero e o sexo no século XXI; Novas masculinidades; Pornografía; A prostitución no marco do capitalismo neoliberal e Deconstruír o discurso prehistórico dende o feminismo

Docentes de referencia

Este itinerario conta cun equipo de docentes que son referentes nos seus respectivos campos, tanto da Universidade de Vigo como doutros centros do Estado. Como persoal externo impartirán docencia Laura Seara, ex-directora xeral do Instituto de la Mujer (2009-2011) e ex-secretaria de Estado de Igualdade do Goberno de España (2011) e actualmente consultora de Red Talento; Jorge García Marín, profesor da USC; Mónica Alario, experta en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Isabel Menéndez, profesora da Universidade de Burgos; Carmen Ruiz, profesora da Universidade de Granada; María Luísa Abad, profesora da Universidade de Barcelona; Mercedes (Chis) Oliveira, coordinadora da Comando Igualdade; Encina Calvo, docente da USC; Capitolina Díaz, profesora da Universidade de Valencia; Amparo Alonso, investigadora da UDC; Rosa Cobo, profesora da UDC e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade.

Por parte da UVigo, participan como docentes nestes cursos as profesoras Inmaculada Valeije, Yolanda Rodríguez, Emma Rodríguez, Beatriz Suárez Briones, Andrea Mouriño, Beatriz Comendador, Carmen Pérez Maestro, Xulia González Cerdeira, María Mercedes Álvarez Lires, Iria Vázquez Silva, Amada Traba, Soledad Torres, Nieves Lorenzo, Amelia Verdejo, xa xubilada, e María de los Ángeles Villar Lemos, técnica de Formación e Innovación Educativa da UVigo.

Cursos con selo distintivo

Os cursos, que contan co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, serán certificados pola Universidade de Vigo e as persoas que os realicen obterán un selo distintivo, que visibiliza a formación recibida en temas de igualdade de xénero, así como o compromiso adquirido como parte da cidadanía e da comunidade universitaria para reivindicar e visibilizar a necesidade de ter formación e información de calidade que axude a avanzar cara unha sociedade realmente igualitaria.