DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na FFT e a través de Campus Remoto ata o vindeiro mércores

As novas promesas dos estudos en literatura e tradución comparten inquedanzas e desafíos no III Coloquio Internacional BiFeGa

Inclúe un seminario sobre a teatralidade e a escrita contemporáneas como procesos de descolonización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/10/2024

As novas promesas da investigación en literatura e tradución, mozas e mozos que están metidos de cheo na realización das súas teses de doutoramento comparten esta semana ideas e inquedanzas sobre a carreira académica e investigadora no III Coloquio Internacional BiFeGa, unha cita que reúne na Facultade de Filoloxía e Tradución as doutorandas e doutorandos do Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación, BiFeGa da Universidade de Vigo  xunto con outro persoal docente e investigador e coa presenza virtual dos membros do grupo e outras investigadoras e investigadores espallados por un universidades de países como Brasil ou Italia.

Co apoio da Cátedra Internacional José Saramago, o encontro está concibido como un espazo de “diálogos abertos” sobre os diversos proxectos de investigación que están a levar a cabo, promovendo unha “troca colectiva entre todos eles”, tal e como subliñou na inauguración o profesor Burghard Baltrusch, investigador principal de BiFeGa, así como do posgrao interuniversitario en Estudos Literarios das universidades da Coruña e Vigo.

26 teses en marcha baixo o paraguas BiFeGa

O coloquio busca, tal e como explicou Baltrusch, crear un espazo de encontro persoal, diálogo e intercambio científico para as doutorandas e doutorandos de BiFeGa, que proveñen de catro áreas de coñecemento: Filoloxía Galega e Portuguesa e Filoloxía Hispánica (ambos do PD Estudos Literarios), Filoloxía Inglesa (PD Estudos Ingleses Avanzados) e Tradución e Interpretación (Tradución & Paratradución). “O grupo ten en marcha nestes intres 26 proxectos de teses”, explicou o docente, quen fixo fincapé no gran tamaño que vai adquirindo este equipo de investigación, integrado na actualidade por máis de medio cento de investigadoras e investigadores, e que acaba de recibir unha das axudas outorgadas pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva  “o que nos achegará un financiamento importante durante os vindeiros tres anos”.

“Nos últimos tempos detectamos que existe unha eiva en relación ao tempo para o contacto persoal e diálogo que doutorandas e doutorandos teñen xeralmente a dispor para se coñeceren e intercambiaren ideas. Por iso, ao longo do noso encontro esperamos poder desenvolver dinámicas de diálogo para alén do traballo predominantemente individual da investigación en Humanidades”, explica o coordinador de BiFeGa. 

A descoloniciación como eixe temático transversal

Baixo o título Entallar as palabras: Literatura – Cultura – Tradución, o encontro arrancou cunha breve posta en común dos proxectos de tese das persoas participantes, nas que tamén se puideron comentar de maneira informal e libre dificultades e desafíos. Esta posta en común terá unha continuación a través de dous obradoiros ao longo de mañá martes e o vindeiro mércores, nos cales as persoas participantes poderán introducir nas conversas cuestións específicas das súas teses.

Elixiuse un aspecto temático transversal, a idea da descolonización ou decolonialidade, por ser de interese para moitos dos proxectos de tese en curso, e cuxo debate en Galiza ou na península ibérica en xeral aínda é relativamente incipiente. Para iso, convidaron a dúas persoas licenciadas en Teatro e Actuación na UNAM (México), Sara Guerrero e Rodrigo Herrera Alfaya, a impartir un seminario aberto, en dúas sesións, sobre A teatralidade e a escrita contemporáneas como procesos de descolonización.

Feminismos interseccionais

Ambos desexan compartir neste coloquio  algunhas lecturas das estratexias de resistencia e das experiencias comúns que se constrúen desde a escrita migrante e as teatralidades latinoamericanas durante as últimas décadas do século XXI. “Neste seminario vamos poder discutir aspectos tanto prácticos como teóricos do debate decolonial da actualidade e que facilmente poderán ser conectados con outro seminario aberto, de sesión única, sobre Feminismos interseccionais: raza, xénero e clase na literatura anglófona contemporánea, organizado polos e polas doutorandas de BiFeGa Sara Tabuyo Santaclara, Alba Zels Garrido e Iago Rodríguez Diéguez”, salienta Baltrusch. Neste segundo seminario  analizarase unha selección de textos da literatura anglófona contemporánea localizados en contextos poscoloniais dende unha perspectiva feminista interseccional. 

Adicionalmente, o programa tamén inclúe dúas actividades derivadas de proxectos de tese concretas. Por unha banda, Noemí Garrido Aniorte ofrecerá a charla Cabezas de tormenta, surrealismo y contracultura en la transición española: Blanca Andreu y Xela Arias e, pola outra,  Helena I. Lopes proporanos un obradoiro sobre o tema Animalidade na poesia de mulheres portuguesas contemporâneas, centrado nas obras das poetas portuguesas Ana Luísa Amaral e Adília Lopes.