DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro 4 de setembro

Nove creadoras e creadores formados en Esdemga reivindican nunha exposición o protagonismo do grafismo na moda

A través de tecidos con estampados en formato dixital, serigrafías, debuxos a man, láser...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/06/2022

Son nove artistas formados en Esdemga e as súas obras amosan nove xeitos de reivindicar o protagonismo do grafismo na moda. Este xoves inaugurouse na Casa Galega da Cultura a exposición Caderno gráfico. Exploración con técnicas gráficas no deseño téxtil, unha proposta comisariada pola profesora Patricia Dopico e na que Universidade e Concello de Vigo volven amosar publicamente a súa aposta conxunta pola valorización da creatividade artística que ten como xerme as aulas da Facultade de Belas Artes.

Capitaneados por Dopico, África Abadín, Alejandro Sierra, Anaïs Kerbrat, Denise Pena Lestón, Lucas Cabaleiro, Lupita Hard, Noemí Montenegro, Sabela Juncal e Silvia Marra estiveron acompañados na apertura da mostra pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e o concelleiro de Cultura, Abel Losada. Foi, precisamente, a vicerreitora a encargada de presentar o acto, intre que aproveitou para agradecer a presenza dos artistas, do público e das autoridades e para pór en valor a colaboración Concello-Universidade, unha alianza grazas á cal a Casa Galega da Cultura, situada en pleno corazón da cidade de Vigo, é xa lugar habitual de exposicións para o alumnado da UVigo. Foi tamén, tal e como ela mesma explicou, a súa despedida como vicerreitora de Cultura, competencias que agora dependerán da vicerreitora Susana Reboreda.

A xenerosidade de amosar probas que “a miúdo fican ocultas”

De dar os detalles da mostra fíxose cargo a comisaria, Patricia Dopico,  que foi tamén a encargada de guiar unha breve visita pola sala. “O traballo gráfico e a metodoloxía centrada na experimentación e no proceso artístico forman parte do ADN de Esdemga e dos estudos do Mestrado universitario en deseño e dirección creativa en moda”, explicou Dopico, ao tempo que fixo fincapé en que as sinerxías establecidas ao compartir espazos de formación con outras ensinanzas artísticas, así como os talleres e as tecnoloxías que o estudantado emprega libremente, reflíctense á perfección nas propostas creativas desta mostra. “Os deseñadores e deseñadoras son xenerosos ao deixar que nos asomemos ao seu proceso de creación a través de probas ou de documentos que a miúdo fican ocultos”, explicou a comisaria, docente do Departamento de Debuxo.

Nove miradas, nove xeitos de achegarse á realidade social e cultural

Tal e como se explica Dopico no propio catálogo da exposición, a conceptualización, o punto de partida do proceso creativo, é diverso. Nalgunhas propostas a mirada vólvese á infancia ou á intimidade familiar; noutras diríxese a lugares máis remotos como o espazo exterior ou a culturas como a americana ou a asiática. Lupita Hard toma a historia do graffiti e o contexto sociocultural de Nova York dos anos setenta para crear unha linguaxe gráfica persoal, que pon en dúbida o propio concepto de graffiti cando se usa como simple estampado de moda carente de fondo conceptual. 

Lucas Cabaleiro reflexiona, tal e como explica a comisaria da mostra, sobre a identidade e o traxecto dos eternos buscadores, dos viaxeiros sen destino. No seu proxecto o visitante da mostra pode achegarse ao Xapón dos anos oitenta mediante símbolos gráficos de creación propia mesturados con imaxes e con logotipos apropiados, que remiten ao espectador ao mundo do motor e á cultura americana. A máquina láser e moitas horas investidas en probas de intensidades ou lixados conseguiron que esas gráficas estean gravadas sobre tecido vaqueiro ou coiro.

En Fire in the sky, Denise Pena Lestón pregúntase que farían uns alieníxenas se chegasen á Terra e quixesen pasar desapercibidos. Relendo o imaxinario dos avistamentos ovnis no territorio norteamericano, deseña unha serie de estampados onde xoga con ironía entre o analóxico e o dixital. O seu proceso de traballo describe en ocasións un percorrido inverso ao doutros deseñadores, creando estampados en formato dixital para logo aplicalos directamente pintados a man sobre tecido. Noutras ocasións, utiliza a impresión por sublimación ou por procesos serigráficos despois de tratar dixitalmente debuxos a man alzada.

Alejandro Sierra tamén bota a mirada ao continente americano, pero no seu caso faino á rexión do Caribe. Sierra busca, a través da moda, trasladar o mesmo orgullo cultural que fai a música con novos xéneros e artistas; a mestura de elementos tradicionais con novas tinturas da cultura urbana e dixital. E faino desenvolvendo múltiples estampados con certo aire naíf e cores esaxeradas, con máscaras precolombianas sempre presentes, reinterpretando a cara Kuá e buscando unha solución gráfica que evite apropiacionismos indebidos ou conflitivos.

Anaïs Kerbrat utiliza unha linguaxe gráfica aparentemente naíf que profunda, non obstante, en temas como os límites nas identidades de xénero ou os conceptos de sexo e de sexualidade dunha “sociedade supostamente aberta e madura que censura as mamilas femininas en todo tipo de imaxes”. Precísase unha ollada de preto para apreciar a fina ironía coa que mestura e crea formas a partir de figuras eróticas, de elementos que enraízan coa relixión ou de galos, un símbolo co que a deseñadora fai unha chiscadela á súa orixe portuguesa.

Á orixe, ao doméstico e á infancia acoden tamén Sabela Juncal, Noemí Montenegro e África Abadín. A primeira emprega serigrafía e sublimación, pero tamén debuxo a man con lapis ou con bolígrafo directamente sobre os tecidos para adentrarse na reflexión sobre a vida cotiá e o fogar. Non só os estampados se refiren ao ámbito doméstico, senón que os tecidos empregados proceden del, como sucede coa saba que despois de 29 anos gardada no faiado familiar –dote de voda de seus pais– foi o xerme do proxecto de Montenegro. Intervencións gráficas aplicadas con láser, con serigrafía, con sublimación ou con estampado dixital, as pezas de 78,17 MB son unha homenaxe á memoria íntima da figura da avoa da creadora, pero poderían selo tamén á memoria colectiva da tradición e dos costumes de calquera casa do rural galego.

Un pouco máis lonxe viaxa Abadín cos seus referentes: a mirada da sociedade francesa dende o punto de vista de Le petit Nicolás. O mundo do absurdo, da caricatura, da inocencia coa que René Goscinny e Jean-Jacques Sempé lles mostran ás persoas adultas dende a perspectiva dun neno. Unha aparente simplicidade conceptual con gran carga de ironía soportada por unha linguaxe gráfica de liñas que, neste caso, a deseñadora toma como base da súa colección. 

Unha exaltación do proceso e do traballo de taller é o proxecto B. 43.833-1985 de Silvia Marra, onde as pezas de roupa son, ao mesmo tempo, pezas finalizadas e caderno de campo. A creadora foi traballando no concepto á vez que interviña sobre os tecidos: unha vez que os amidonaba, os cortaba e os estampaba, metíaos na súa Olivetti como se das páxinas dun libro se tratase. Fragmentos de lecturas, de conversacións, imaxes de obxectos ou interlocutores…; as pezas convertéronse nun arquivo persoal dun proceso creativo.

Ata o 4 de setembro na Casa Galega da Cultura

A exposición manterase aberta ata o vindeiro 4 de setembro na Casa Galega da Cultura. As persoas interesadas en visitala poden facelo de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 horas, e tamén durante as fins de semana e festivos, no seu horario habitual de apertura (sábados de 12.00 a 14.00 h e de 18.00 a 21.00 h e domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h).