DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de doce proxeccións nas tardes dos venres, entre o 17 de maio e o 6 de xuño

O novo ciclo de cine da Vicerreitoría explora os múltiples camiños da creatividade na sétima arte 

‘Expediente alquimia’ reúne filmes de diferentes xéneros e épocas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/03/2023

A través da innovación en aspectos técnicos ou formais, da experimentación, da combinación de diferentes linguaxes, dos propios núcleos narrativos... Explorar as múltiples canles polas que a creatividade se fai patente no cinema, en filmes de múltiples xéneros e épocas, é o propósito do novo ciclo cinematográfico da Vicerreitoría do campus. Inserido nas actividades da Semana da Creatividade, que se conmemorará no mes de abril, Expediente Alquimia está conformado por doce proxeccións, con entrada libre ata completar a capacidade da sala, que terán lugar nas tardes dos venres, entre o 17 de marzo e o 16 de xuño, na Casa da Campás. 

Con sesións programadas para as 19.00 horas, Expediente Alquimia busca articular “unha especie de ruta que reflicta a creatividade como un concepto moi amplo”, como salienta o coordinador desta actividade, o codirector do Festival Novos Cinemas Suso Novás. Deste xeito, haberá espazo tanto para análise de “arquetipos argumentais focalizados na creación”, como para exemplos da “capacidade que ten o cinema de ser revelador cuns recursos mínimos”, para longametraxes “que desenvolven aspectos estéticos e formais que foron novidosos no seu momento” ou para afondar no propio uso creativo de procedementos de natureza técnica propios desta industria. Promovida coa colaboración do Instituto Francés do Cinema e do Goethe Institut alemán, o ciclo combina filmes “moi emblemáticos con outros máis esquecidos no imaxinario colectivo”, coa idea de afondar na capacidade do cinema para conxugar “coñecemento, imaxinación, habilidades, competencias e tamén risco” nunha sorte de “alquimia”, conclúe Novás. 

De marzo a xuño

A programación ábrese este venres con Dr. Jekyll and Mr. Hyde, de Robert Mamoulian, un filme de 1931 que presenta “unha serie de solucións de natureza estética, formal e narrativas que influíron posteriormente en moitísimas películas”, como apunta o seu coordinador. Á semana seguinte, o musical Melodías de Broadway (1953), de Vicente Minnelli, posibilitará afondar na “conxunción entre música, danza e posta en escena co terreo do fantástico”. A continuación, o venres 31 exhibirase “unha das películas que mellor reflexan a unión do cine de vangarda co documental”, Berlín, sinfonía dunha cidade (1927), de Walter Ruttmann. 

En abril, a actividade continuará con dúas novas proxeccións, os días 21 e 28. Na primeira das citas, poderá verse Teléfono vermello? Voamos cara Moscú (1964), de Stanley Kubrick, “unha película que é un prodixio formal desde o punto de vista da composición e posta en escena, así como a nivel argumental" sinala Novás. Na segunda exhibirase Lola Montès (1955), de Max Ophüls, unha longametraxe "que fala da arte de narrar, que relaciona arte, vida e historia”.

Xa en maio, para o venres 5 programouse The Ladies Man (1961), no que Jerry Lewis “fala sobre o propio cinema", e para o día 12 Phase IV (1974), de Saul Bass, unha obra de ciencia ficción de “natureza filosósfica”, dirixida polo “deseñador de títulos de crédito máis famoso da historia” desta industria. A continuación, o venres 19 proxectarase Alphaville (1965), de Jean Luc Godard, “na que a ciencia ficción, a banda deseñada, a novela negra e a reflexión sobre a linguaxe determinan a estrutura da película”, mentres que o 26 proxectarase Paris Calligrammes (2020), filme no que a cineasta alemá Ulrike Ottinger “fai un percorrido polo seu período de formación en París, nun momento no que arte, vida e reflexión política ían da man”, salienta Novás. 

Expiedente Alquimia pecharase en xuño con tres novos filmes. O primeiro será O muíño e a cruz (2011), no que o polaco Lech Majewski propón “unha experiencia inmersiva a partir do proceso de construción dun cadro”. Á semana seguinte, o venres 9, o ciclo afondará nas relacións entre literatura e cine da man de India song (1975), da novelista e cineasta Marguerite Duras. Por último, o 16 de xuño, concluirá esta programación con Un xenio anda solto (1958), de Ronald Neame, unha comedia que permitirá reflexionar “sobre a construción de obras e de artistas”.