Aos 220 elixidos o mércores hai que sumar 25 membros natos, entres eles a futura reitora
O novo Claustro estará integrado por 245 membros
Quedan vacantes 31 prazas, 27 no sector PDI-A e 4 no de Estudantes
A Universidade de Vigo celebrará nunhas semanas a toma de posesión da que será a súa primeira reitora, Carmen García Mateo ou Belén Rubio, e tamén a sesión constituínte dun novo Claustro, o máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria, que nesta ocasión estará composto por 245 membros, 220 elixidos nas eleccións deste mércores, e 25 membros natos, entre eles a futura reitora, a secretaría xeral, a persoa que se faga responsable da Xerencia, xunto cos decanos e decanas e directores e directoras das facultades e de escolas. Quedan vacantes, segundo os resultados provisionais publicados este xoves, 31 prazas: 27 no sector PDI-A, profesorado doutor con vinculación permanente, e 4 no de estudantes.
Do total de 220 persoas elixidas nas urnas, 101 son representantes do sector PDI-A ; 22 correspóndense ao resto do persoal docente e investigador, PDI-B; 59 son estudantes e 38 representan ao persoal técnico de administración e servizos, PTXAS. No caso do sector PDI-A, 73 foron elixidas nas eleccións do mércores e outras 28 son de centros nos que non foi necesario celebrar eleccións ao haber igual ou menor número de candidaturas que de postos elixibles; algo que tamén aconteceu no sector estudantes, onde se elixiron en urna 42 representantes, mentres que para outros 17 postos -correspondentes a 11 centros- non foi preciso votacións, quedando tres centros sen ningún representante do alumnado no Claustro ao non presentarse ningunha candidatura: a Facultade de Ciencias, do campus de Ourense; a Facultade de Deseño, en Pontevedra, e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, no de Vigo.
No caso dos sectores PDI-B e PTXAS ocuparán o 100% das prazas que lle corresponden no Claustro. No sector do profesorado con vinculación non permanente presentáronse 60 candidaturas para 22 prazas, e no do PTXAS 90 candidaturas para 38 prazas.
Tras a proclamación dos resultados provisionais, hoxe venres ábrese un prazo de reclamación ata o martes 12 e o mércores 13 procederase á proclamación definitiva.
Elixíronse 123 docentes: 101 PDI-A e 22 PDI-B
Das 220 persoas elixidas nas elección de antonte, 101 pertencen ao sector PDI-A: 62 do campus de Vigo, 22 ao de Ourense e 17 ao de Pontevedra. No caso do campus vigués a Escola de Enxeñería Industrial é a que conta cun maior número de representantes no Claustro, 15, seguida da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, con 9; Filoloxía e Tradución, con 8; Ciencias Económicas e Empresariais, con 7; Bioloxía, con 6; 5 en Química; 4 en Ciencias do Mar; cadanseus 3 en Ciencias Xurídicas e do Traballo e Enxeñaría de Enerxía e Minas e 2 en Comercio.
En Ourense, o centro con máis representantes do sector PDI-A en Claustro é a Facultade de Ciencias, con 5, seguida de Educación e Traballo Social (4) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (4); Ciencias Empresariais e Turismo (3); Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (2), e Historia e Relacións Internacionais con cadanseu membro. En Pontevedra, hai 17 membros PDI-A: 5 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; 4 de Comunicación; 3 de Belas Artes; 2 de Enxeñaría Forestal e cadanseu en Fisioterapia, Deseño e Dirección e Xestión Pública.
No PDI B, dos 22 membros elixidos, 12 corresponden ao campus de Vigo; 6 ao de Ourense e 4 a Pontevedra.
59 estudantes e 38 PTXAS
Dos 59 estudantes do novo Claustro: 30 estudan no campus de Vigo, 16 no de Ourense e 13 no de Pontevedra. En Vigo o centro con máis representación estudantil é a Escola de Enxeñaría Industrial, con 10; en Ourense a Facultade de Educación e Traballo Social, con 6, e en Pontevedra, Ciencias da Educación e do Deporte, con 5.
No caso dos 38 PTXAS non hai división por campus, senón que se trata de circunscrión única.
Sesión constituínte
Tras elixir a totalidade dos membros do Claustro, na primeira sesión do pleno constituirase unha mesa provisional de idade, da cal formarán parte a reitora, a secretaria xeral e dous representantes por cada un dos sectores do Claustro, que serán o de maior e de menor idade en cada sector e que se encargarán de moderar a sesión e elixir nela a Mesa do Claustro.
