DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contén catro investigacións sobre distintas temáticas relacionadas co idioma

Un novo número de Cumieira fai brillar o talento dos investigadores noveis do ámbito da Filoloxía Galega

Con edición en papel e en liña, pode descargarse de balde na web do Departamento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 08/01/2025

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina acaba de publicar un novo número, e xa van 9, da revista Cumieira, unha publicación que naceu para dar a coñecer os traballos científicos das investigadoras e investigadores máis novos no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Neste último número recóllense catro investigación nas que se analizan diferentes cuestións, así como unha recensión sobre a novela histórica Ao sur da liberdade, ópera prima no mundo da prosa de ficción histórica do catedrático da UVigo Xosé-Henrique Costas.

Vacina e máscara, as palabras que puxo de moda a pandemia

Co profesor Xosé A. Fernández Salgado como editor, a publicación arranca cun traballo asinado por Fabio Rivas, graduado en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, no que se analiza o léxico dispoñible do campo da sanidade no alumnado da UVigo no tempo que seguiu á pandemia da COVID e no que se pon de relevo como palabras como vacina ou máscara pasaron a formar parte do vocabulario habitual.

Actitudes lingüísticas “profundamente castelanizadas’ en Redondela

Ségueo o estudo de Miguel Rancaño, graduado en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela , sobre as actitudes e opinións lingüísticas dun grupo de estudantes redondeláns de ensino medio do IES Mendiño a partir de aspectos como a transmisión, os prexuízos e os cambios de código. Trátase dun artigo no que, entre outras moitas cuestións, se advirte que o grupo se atopa profundamente castelanizado e a transmisión xeracional da lingua foi devastadora para o galego, relegado a segunda lingua de uso ocasional. “Con todo, comprobamos que o grupo está exento de prexuízos explícitos para o galego e que a actitude xeral é de respecto e pretensión de mellorar a situación da lingua, se ben para este estudantado a escolla do idioma é unha decisión de tipo individual baseada máis na súa liberdade ca na influencia de factores externos”. 

Revisita ao 25 de abril e ás Novas Cartas Portuguesas

Graduado en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Manuel Gago aproveita o cincuentenario do 25 de abril para revisitar, nun marco feminista, a obra das coñecidas como As Três Marías: Novas Cartas Portuguesas, unha das máis emblemáticas da literatura de Portugal. “Desde a súa publicación, destacouse como unha obra transgresora, tanto pola linguaxe canto polo estilo, debido ao formato intertextual eclético, concibido para subverter estereotipos”.

“Boa saúde” da crítica literaria feminista en Galicia

No caso de Helena Domínguez, doutora en Comunicación e Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios pola de Vigo, aborda o estado da cuestión sobre a crítica literaria feminista en Galicia a través da revisión de bibliografía e artigos de prensa, chegando á conclusión de que “goza de boa saúde pero non é mainstream, resiste en espazos de curto alcance”. 

Recensión sobre a novela histórica Ao sur da liberdade

Este noveno número de Cumieira péchase cun comentario de Alejandro Solla, Premio Extraordinario Fin de Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, sobre Ao sur da liberdade, “ante todo, unha novela necesaria nas nosas letras e na nosa memoria que nos retrotrae a un pasado inexplorado até agora na literatura galega, a Alta Idade Media”.