O prazo de solicitude remata este venres día 6
Novos 20.000 euros en axudas para organizar actividades docentes e de sensibilización en xénero
En ambas as dúas convocatorias establécese unha contía máxima de 1500 euros por actividade
Este venres día 6 remata o prazo para solicitar algunha das axudas convocadas pola Unidade de Igualdade para a organización de actividades docentes que, por unha banda, promovan a perspectiva de xénero e, pola outra, contribúan á sensibilización e á transmisión en valores igualitarios. Dotada cada unha das convocatorias con 10.000 euros, as axudas establecen en ambos os dous casos unha contía máxima de 1500 euros por actividade, ben sexan conferencias, xornadas, obradoiros, seminarios, ligas de debate ou exposicións, por citar algúns exemplos.
“A única novidade destacable deste ano é que unha mesma persoa non pode presentarse a ambas as dúas axudas, ten que elixir entre presentarse ás de docencia ou ás de sensibilización”, explica a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, quen tamén salienta que, tanto nun caso como no outro, a data límite de realización das actividades será o 30 de outubro.
Axudas para a organización de actividades docentes
As axudas para a organización de actividades docentes, ás que poden presentarse calquera integrante do persoal docente e investigador con docencia asignada no Plan de Organización Docente (POD ), buscan impulsar a organización de iniciativas formativas que promovan a perspectiva de xénero e que estean dirixidas fundamentalmente ao alumnado da Universidade de Vigo de calquera área de coñecemento.
As actividades propostas deben estar vinculadas á práctica docente e incorporar de forma expresa a transversalidade de xénero na formación do alumnado. Ao mesmo tempo, deben promover valores igualitarios que contribúan tanto á adquisición de competencias profesionais como ao seu desenvolvemento persoal.
Convocatoria para actividades de sensibilización
A outra convocatoria está destinada a financiar actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios. Dirixidas fundamentalmente á propia comunidade universitaria, pero tamén, á sociedade en xeral, neste caso poderá presentarse á convocatoria calquera integrante da comunidade universitaria e os gastos subvencionables inclúen cuestións como conferencias, xornadas, exposicións, ciclos de cine, obradoiros, ligas de debate etc.
Comisión avaliadora
A comisión avaliadora de ambas axudas estará composta polos docentes Francisco Xabier Aguiar Fernández, da Área de Traballo Social e Servizos Sociais, especializado en cuestións como eco-feminismo, sostibilidade e traballo social comunitario; e Xosé María Mahou Lago, de Ciencia Política e da Administración, especialista en políticas públicas e igualdade; xunto coa propia directora da Unidade de Igualdade, que actuará como presidenta.
