DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adestradores e adestradoras participan no taller que se celebra en CC da Educación e do Deporte

Un obradoiro afonda en como integrar o traballo psicolóxico no adestramento deportivo

Impartido polos psicólogos deportivos Hugo Fernández e Rubén Domínguez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/03/2020

Concentración, atención, autoconfianza e control do grao de activación e do estrés son factores determinantes no rendemento deportivo e que, ao igual que os aspectos técnicos e tácticos, requiren dunha planificación e traballo previo. Achegar a adestradores e adestradoras unha serie de ferramentas para traballar eses factores psicolóxicos que poden determinar o rendemento deportivo é o propósito central do obradoiro que, baixo a dirección do psicólogo deportivo, adestrador e alumno de doutoramento da Universidade de Vigo Hugo Fernández, se desenvolve nestas semanas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

“O obxectivo do taller é ofrecerlle aos adestradores, desde a nosa experiencia e coñecemento, ferramentas que poidan aplicar no seu día a día para mellorar o rendemento deportivo, sobre todo esa parte mental que sempre está moi esquecida dentro da preparación”, salienta Fernández, responsable de impartir este taller xunto co profesor da facultade, psicólogo deportivo e adestrador profesional de baloncesto Rubén Domínguez. Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, o taller Metodoloxía do rendemento: adestramento mental integrado no contexto deportivo busca dar resposta, desde unha perspectiva práctica, á falta de “coñecementos e ferramentas” dos adestradores e adestradoras para traballar, dun xeito integral, dentro do propio adestramento, uns factores que, como sinala Fernández, “quizais son o que marca a diferencia dentro do rendemento e do adestramento de competición”. De feito, dez dos once alumnos e alumnas deste taller son adestradores de diferentes deportes, aos que Fernández e Domínguez buscan achegar unha serie de ferramentas que sexan aplicables “a todas as categorías e todas as idades".

Motivarse, concentrarse, confiar

Como explica Fernández, que combina o seu traballo como coach nos ámbitos deportivo, educativo, social e empresarial co seu labor como adestrador nacional de vela, no referido aos “condicionantes psicolóxicos máis importantes no rendemento deportivo”, existen unha serie de variables básicas que o curso vai abordando nas súas diferentes sesións. Trátase, sinala, da “motivación, a atención e a concentración, o control da activación ou do estrés e a autoconfianza”, ás que se suman, no caso dos deportes colectivos, “a comunicación e a cohesión de grupo”. 

Deste xeito, o obradoiro busca achegar aos alumnos e alumnas ferramentas que lles permitan, por exemplo, “axudar aos deportistas a establecer obxectivos alcanzables”. Non en van, lembra Fernández, que atesoura tamén unha destacada traxectoria como regatista, “todo o mundo quere gañar cousas, pero non se lles ensina como conseguir iso”. Así, o taller pon o acento no traballo da “autoconfianza, que é a variable máis determinante xunto con control do estrés e dos nervios”, e que obriga a traballar “coas expectativas e obxectivos que teñen os deportistas”, moitas veces sustentados en “pensamentos que non son adecuados”. Para afrontar esta problemática, que se dá con maior frecuencia “en categorías como infantís ou xuvenís, cando son adolescentes”, unha das ferramentas é a “planificación dos obxectivos a curto, medio e longo prazo”, buscando ademais que “non sexan algo tan orientado a resultados, senón obxectivos realistas e alcanzables, que supoñan un reto para o deportista e estean baseados en accións que poidan realizar cada día”.

Así mesmo, o taller aborda como traballar “o nivel de activación, esa sensación de que estás preparado para facer algo física e mentalmente”, á vez que achega ferramentas “que axuden a controlar o estrés e a posible ansiedade precompetitiva”. Do mesmo xeito, pon o foco na concentración e na necesidade de traballar na identificación dos factores, externos ou internos, “que condicionan a nosa atención” para a partir de aí abordar “como cambialos ou omitilos”, apunta Fernández.

O papel formativo do adestrador

Estruturado en catro sesións, o obradoiro que arrincou o pasado 2 de marzo, detívose tamén, nunha sesión impartida por Domínguez, no propio papel dos adestradores e adestradoras e no seu “rol como educador, como xestor de persoas e recursos, na formación integral do deportista”, sinala Fernández. “Gústenos ou non, somos unha figura de autoridade, que ten que ter capacidade de comunicación, ser referente e ter liderado”, sinala o coordinador dun obradoiro que, o 23 de marzo, centrará a súa última sesión en achegar ao alumnado “exemplos de traballo de adestramento mental integrado no deporte”, ao tempo que buscará que as e os participantes desenvolvan “tarefas e traballos específicos” aplicables aos seus respectivos deportes.