DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taller de creación de páxinas con WordPress cubriu por cuarto ano as súas prazas

Un obradoiro inicia ao alumnado no manexo da ferramenta de desenvolvemento web máis empregada no mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/05/2022

Preto do 43% dos espazos web existentes no mundo foron realizados con WordPress, o xestor de contidos de código aberto que, por cuarto ano consecutivo, centra un dos obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus. Novamente coas súas prazas cubertas, este taller inicia ás e aos asistentes no manexo desta ferramenta, á vez que lles achega nocións de deseño web, márketing dixital e posicionamento en buscadores. Impartido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e o experto en SEO Wajari Velásquez, o obradoiro que desde o mes de marzo se desenvolve na aula tecnolóxica da Casa das Campás permite iniciarse “desde cero” no manexo da versión liberada de WordPress e nas funcionalidades que poden achegar a un espazo web os milleiros de plugins de código aberto desenvolvidos pola comunidade xerada en torno a esta ferramenta. 

Da definición inicial á proxección final

Para levar a cabo esta aprendizaxe dun xeito práctico, os responsables do taller propoñen en cada curso un exercicio común, que nesta ocasión foi “o deseño da web dunha clínica local de fisioterapia”, como explica Martínez Rolán. Deste xeito, cada un das e os participantes, na súa maioría alumnas de Ciencias Sociais e da Comunicación, tivo que abordar desde a definición dos “contidos fundamentais” que debería ter unha web deste tipo ata a implantación “de ferramentas moi específicas como un motor de reserva de citas”, engade este docente.

Así mesmo, co propósito de achegalos “a como se desenvolven os contidos dinámicos”, outra das actividades foi a creación dun blog ligado a cada web, que á súa vez serviu como material para o bloque final do obradoiro, centrado en como facer visibles eses contidos na rede. Impartida por Velásquez, esta parte final do curso céntrase tanto no manexo dos “plugins SEO e na súa configuración con WordPress, como na parte estratéxica de entender como funciona Google”, como explica este consultor. Nese senso, Velásquez sinala que, pese a manter o mesmo temario que en edicións anteriores do obradoiro, o posicionamento en buscadores é “unha disciplina moi versátil, que cada ano se actualiza con novas directrices do buscador”.

Seguindo esa orientación práctica, este bloque leva ás participantes a traballar con “datos reais de proxectos”, procedentes de Search Console e Google Analytics, para a partir de aí “practicar toda a metodoloxía coas súas propias webs”, explica Velásquez. “A idea é vincular a teoría coa práctica real de poder posicionar o seu propio artigo”, salienta desta parte final dun curso de 30 horas que Martínez Rolán recoñece que está a resultar “unha experiencia moi grata”, dado o interese que continúa xerando un taller, aberto a toda a cidadanía, que nesta edición reduciu a dez ás súas prazas co obxectivo sinala, “de poder ofrecer unha atención personalizada”.