DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado adéstrase na identificación de sabores e aromas

Un obradoiro introduce aos participantes no mundo da enoloxía

Forma parte da programación de extensión universitaria deste cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 12/05/2021

Co obxectivo de proporcionar “unha visión global do mundo do viño”, o campus de Ourense acolle desde o pasado 12 de marzo e ata o 11 de xuño a celebración do obradoiro O viño: da esencia á emoción. Nel abórdanse temas como a súa historia e os seus efectos sobre a saúde pero tamén se introduce ás e aos participantes na degustación de viños, na identificación de sabores e aromas.

Dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias Mª Concepción Pérez e con 36 horas de duración, o obradoiro forma parte da programación de extensión universitaria que este cuadrimestre se oferta no campus de Ourense. As sesións desenvólvense de xeito presencial os venres pola tarde no edificio Politécnico, asistindo case unha vintena de persoas de perfil diverso, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela. As prazas ofertadas, cuxo número estivo limitado debido ás medidas de prevención da covid-19, esgotáronse, ao igual que en anteriores edicións deste obradoiro, que conta cunha alta demanda. 

Os obxectivos específicos da formación, explica a súa directora, son dar a coñecer a historia do viño dende a súa orixe, valorando a súa importancia nas diferentes civilizacións e na actualidade. Tamén pretende que as e os participantes se acheguen ás súas propiedades, á cata de viños e á evolución no gusto dos viños nos diferentes períodos da historia e as grandes transformacións do pasado século, facendo fincapé nos viños de Galicia. Ademais, o obradoiro pretende amosar “as claves para a descrición dun viño, que os asistentes teñan ferramentas expresivas para comunicar o viño en diferentes ámbitos”. Igualmente, a iniciativa “quere contribuír a valorar a importancia do patrimonio vitícola que fica da viticultura ancestral en Galicia”.

Maridaxe de teoría e práctica

Para acadar estes obxectivos, a programación do obradoiro inclúe a proxección dun audiovisual sobre a mundo viño e a súa importancia para a economía galega e unha sesión de adestramento sensorial para que as e os participantes aprendan a distinguir os sabores básicos e os aromas máis característicos que se poden atopar nos viños. A parte máis aplicada consiste na realización de catas de aproximadamente 23 viños, a metade deles galegos, en oito sesións nas que se afonda nas propiedades sensoriais, o “terroir” e a historia deses viños. “A metodoloxía do obradoiro baséase en transmitir as experiencias dos oito relatores participantes (sommeliers, enólogos, empresarios, viticultores e expertos en análise sensorial) mediante explicacións teóricas seguidas de catas de viño comentadas, para achegar á xente o mundo do viño”, detalla a responsable do obradoiro. Ao longo das sesións, as e os inscritos catan viños de diferentes tipos de viticultura, de diferentes variedades de uva, de diferentes elaboracións e de diferentes xeografías, ademais de achegarse ás maridaxes deles con outros produtos.

A actividade do último día do obradoiro consiste en visitar unha adega próxima para que as e os inscritos poidan ver de primeira man todo o proceso de elaboración dos viños, rematando a visita coa cata dalgúns deles. Trátase, apuntan desde o obradoiro, de dar a coñecer o proxecto vitivinícola dun viticultor galego concreto, a súa historia persoal, filosofía que segue, tipo de adega, viticultura que aplica e finalmente coñecer algúns dos seus produtos, sendo nesta ocasión a adega elixida Cume do Avia, en Ribadavia.