DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove estudantes fórmanse nun taller impartido polo cineasta Eloy Domínguez Serén

Un obradoiro no que buscar unha “voz propia” a través do cinema

Inserido na programación de Novos Cinemas, as curtas resultantes estrearanse no festival 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/10/2020

Explorar o cinema en primeira persoa para dar formar a unha serie de curtametraxes que se exhibirán na xornada inaugural da quinta edición do festival Novos Cinemas. Ese é o propósito de O ceo a medio facer, o obradoiro no que o cineasta Eloy Domínguez Serén guía a nove estudantes do campus na realización dunhas pezas que, como sinala, terán como eixo unha “busca da propia voz”. Promovido pola Vicerreitoría do campus e inserido no programa formativo #Aula do festival, o taller que se desenvolve nos meses de outubro e novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ten como eixo a exploración dun tipo de cinema “flexible e heteroxéneo que pode axudarlles ao inicio das súas carreiras”.

Nove estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes participan, tras ser seleccionados na convocatoria aberta por Novos Cinemas, neste taller que botou a andar a pasada semana cunha primeira sesión dirixida a “familiarizalos con autores de referencia” neste xénero, como Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas. Mais tamén co propósito de pór de relevo como os avances tecnolóxicos permiten dispor de dispositivos e programas de montaxe cos que poder “facer cinema” sen necesidade de maiores equipamentos. “Neste momento de fraxilidade e incerteza que supón rematar a carreira, gustábame transmitirlles que é posible facer cinema”, salienta Domínguez Serén.

Obras que nacen do cotián

Como fixeran Lois Patiño, Oliver Laxe, Eloy Enciso e Jaione Camborda en anteriores edicións do taller, Domínguez titorizará no proceso de ideación e realización das súas curtas aos alumnos e egresados seleccionados; Beatriz Pérez, Valeria Martínez, Juan Ares, Daniel Vidal, Noemi Parga, Raquel Álvarez, Yuri Salgado, Paula Tarrío e Tamara Goberna. A proposta deste cineasta foi centrar o obradoiro nun “tipo de cinema de non ficción que, se ben é moi heterodoxo, ten como común denominador que é moito máis intimista, moito máis persoal, que dalgún modo axuda a explorarnos non só como autores e autoras, senón tamén como persoas”, destaca. “Foi o tipo de cinema co que me iniciei e co que estou máis familiarizado, non só como autor, senón tamén como cinéfilo”, engade Domínguez Serén, quen, tras trasladarse a Estocolmo comezou un extenso proxecto de diario filmado e unha correspondencia fílmica co realizador Marcos Nine, do que saíron curtametraxes como Pettring (2013) e No novo céio (2014), que se inserirían nesta modalidade, ao igual que a súa primeira longa No cow on the ice (2015). 

Caracterizado pola pluralidade de “formas estéticas”, o cinema en primeira persoa abrangue tanto pezas de carácter máis autobiográfico, como outras que abordan cuestións “de carácter social ou familiar”, vinculadas sempre “a nosa contorna e cotiandade”. Todas elas, cun elemento común, a presenza, dun xeito máis explícito ou explícito, “da voz autoral”, en ocasións “a través de algo tan obvio como a súa voz en off, outras veces por presentarse en pantalla e ás veces porque notamos a súa presenza detrás da cámara”, salienta. Con esa idea, o cineasta animou ao alumnado a “explorar os seus propios procesos e, sobre todo, a que filmen, porque ás veces é un tipo de cinema no que a forma se atopa na montaxe”. De feito, a primeira sesión serviu tamén para afondar nos propios procesos de traballo, “nos que vou filmando e montando paralelamente”, deste cineasta, cuxa última longametraxe, Hamada (2018), valeulle o premio á mellor película española no Festival de Cine de Xixón, o galardón á mellor opera prima no Cinéma du Réel e o premio ao mellor director emerxente no Porto/Post/Doc.

Debate e análise grupal

Tanto aqueles e aquelas que opten por desenvolver primeiro unhas “ideas teóricas sobre o papel”, como quen opte por comezar a gravar antes de definir a súa curta presentarán uns primeiros materiais na seguinte sesión presencial do taller, o 27 de outubro. “Interésame moito a dinámica de grupo na que todos nos espimos na parte máis fráxil, no xerme do proxecto, cando aínda temos dúbidas e a dirección non está definida”, salienta Domínguez Serén. Con esa idea e máis aló do seguimento individualizado que realice a cada proxecto, o realizador dedicará “unha parte importante” das catro sesións presenciais do obradoiro a debater conxuntamente cada un dos traballos, sempre coa idea de “tratar de alimentar a ollada de cada autor e autora”. Os resultados finais proxectaranse, o 15 de decembro, na sesión inaugural de Novos Cinemas, o que o leva a incidir no positivo "de que xente que está empezando teña a oportunidade de ver o seu traballo, ás veces o seu primeiro traballo, nun contexto tan propicio para o intercambio de ideas como un festival”.