As actividades foron desenvolvidas por alumnado de Educación Infantil e Primaria
Uns obradoiros achegan á rapazada a lingua e cultura francófonas a través do cómic
Coa asistencia de nenas e nenos de colexios da contorna do campus
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a celebración duns obradoiros que tiveron como obxectivo fomentar na rapazada a lectura a través do cómic e o seu gusto lector mediante actividades lúdicas e participativas, ao mesmo tempo que se lle achegaba á lingua e á cultura francófonas a través dalgúns dos seus referentes máis coñecidos.
A actividade estivo organizada con motivo do Día Internacional do Libro e do centenario do nacemento de René Goscinny polas docentes das materias de francés dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria Carla Míguez e Sara Vázquez. Levaron por título Os 100 anos de René Goscinny: descubre a banda deseñada en lingua francesa e estiveron dedicados á banda deseñada e á figura deste coñecido guionista, creador de series tan populares como Astérix e Lucky Luke.
Trátase, explican as súas promotoras, de dous obradoiros organizados e postos en marcha polo alumnado das materias da mención de linguas estranxeiras Idioma estranxeiro: francés e Lingua estranxeira a través da literatura infantil: francés e nos que participaron alumnado de 3º, 4º e 5º curso dos centros educativos da contorna do campus CEIP Manuel Sueiro, CEIP Curros Enríquez e CEIP Mestre Vide. O seu deseño enfocouse como unha proposta dinámica na que a rapazada tivo a oportunidade de descubrir o funcionamento da banda deseñada e realizar pequenas actividades creativas organizadas en diferentes estacións de traballo centradas nos cómics de Astérix e Lucky Luke. A iniciativa tamén permitiu ao futuro profesorado que se forma no campus ter contacto co que será o seu traballo futuro nas aulas de Educación Infantil e Primaria.
