DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mostra organizada e protagonizada polo alumnado do Máster en Creación Artística Contemporánea

As obras de 20 estudantes reúnense arredor da pregunta ‘que culpa ten a arte?’

Pode verse ata o 22 de abril na Sala O Abrigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/04/2026

Que culpa ten a arte? Esta pregunta, formulada polo profesor Juan Carlos Román ao alumnado do Máster en Creación Artística Contemporánea, rematou converténdose no título da exposición que desde este mércores reúne as obras das 20 alumnas e alumnos deste mestrado da Facultade de Belas Artes. Organizada polo propio estudantado, esta mostra reúne un conxunto de obras conectadas, sinalan, pola “premisa de que a arte non pode escapar do artista, e o artista non pode escapar de si mesmo”. Nese senso, “a idea de representar a experiencia persoal” convertése no fío condutor dunha exposición que se inaugura na tarde deste mércores e que poderá visitarse ata o 22 de abril na Sala O Abrigo da facultade.

A través dun conxunto de obras diversas, ¿Qué culpa tiene el arte? “explora a tendencia a velo todo dende o afecto e o identitario”, reunindo creacións de múltiples disciplinas, realizadas tanto antes como durante a súa etapa formativa nun posgrao implantado no presente curso. “Propón un encontro entre as prácticas do alumnado, unificadas a través da tendencia temática que todos adoptan”, a translación á obra das “vivencias e experiencias persoais”, sinalan as e os seus responsables. “Mesmo vendo á arte como unha práctica autónoma, achégase á identidade, ao territorio e ao afecto, non coma categorías que limiten unha obra a unha lectura biográfica, senón como unha tensión entre a peza artística e o autorreferencial”, engaden as e os promotores dunha exposición que verase complementada por tres talleres, abertos a toda a cidadanía. 

Unha mostra que é tamén unha experiencia formativa

Ademais de presentar un conxunto de obras de diferentes disciplinas, esta exposición é tamén un resultado da propia formación do estudantado na materia Estudos Abertos II, coordinada por Román. De feito, ademais de presentar as súas creacións, o alumnado responsabilizouse tamén, dividido en tres grupos, dos diferentes procesos de traballo vinculados á organización da exposición. Así, un equipo integrado por Alba Sira, Álex Viador, Cristina Insua, Mencía González, Sara González e Paulina Petz encargouse do comisariado da mostra, o que levounos a “buscar un tema que os vinculase a todos”, como apunta o vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez Jofre. Por outra banda, as tarefas de deseño de elementos como a cartelería foron asumidas por Alba Amoedo, Ise Rodríguez, Isis Huerga, Jimena Arenas, Luca Carrero, Samuel Rodríguez e Suso Sanmartinho, mentres que as tarefas de comunicación e deseño de actividades corresponderon ao equipo integrado por Andrea Mosquera, Carolina Ferro, Goa Vázquez, Leire Ramallo, Martina Migliarini, Mónica Lago e Susana de Castro. 

Esta vertente formativa viuse complementada polo obradoiro que na mañá deste mércores impartía na facultade a comisaria e crítica de arte Isabel Tejeda, catedrática da Universidad de Murcia e membro dos consellos asesores do Instituto Valencián de Arte Moderno e do Museo de Arte Contemporánea de Málaga. A expografía e narracións da arte contemporánea constitúen, de feito, xunto coa historia das exposicións e os feminismos e a arte cotemporánea, unha das liñas centrais de investigación de Tejeda, que na tarde do martes impartía unha conferencia no Museo de Pontevedra. Desta volta, Tejeda encargouse de achegar o alumnado do mestrado “diferentes formas de entender a montaxe”, como explica Pérez-Jofre, e fíxoo “dun xeito totalmente práctico”, traballando xunto co alumnado na propia Sala O Abrigo na articulación final desta mostra. 

Tres talleres o martes 21

O proxecto expositivo complétase o martes 21 con tres obradoiros, con inscrición previa a través do correo mestradodecreacioncontempo2526@gmail.com. Programado para as 11.30 horas, o primeiro deles será impartido por Andrea Mosquera e Goa Vázquez e porá o foco nos vínculos entre espectador e obra, a partir dunha visita guiada, coa que buscan “crear unha dinámica de reflexión, tanto individual como colectiva”, explican. 

Ás 16.00 horas terá lugar Diálogo entre ruínas, relatos e territorios, un taller centrado na “cartografía como espazo simbólico”. Impartido por Mónica Lago e Bei, este obradoiro “propón unha aproximación ao territorio, entendido non como espazo xeográfico, senón como estrutura emocional, material e de memoria colectiva”, sinalan. Por último, ás 18.00 horas Martina Migliarini responsabilizarase de A maxia do bosquexo, un taller que abordará a ilustración como “ferramenta de investigación artística”. Partindo dun concepto central definido de xeito grupal ao inicio da sesión, as e os participantes realizarán propostas gráficas “nas que se explore unha interpretación persoal” do tema escollido, o que permitirá a posta en común de “diferentes miradas e formas de tradución visual” dunha mesma idea.