DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Campo de sementes’, inserida na conmemoración do 30 aniversario da facultade

As obras do profesorado máis novo e máis veterano de Belas Artes dialogan na Fundación RAC

Comisariada por Xosé Manuel Buxán e Sara Donoso, reúne as creacións de dez docentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/04/2021

En 2020 cumpríanse 30 anos da creación da Facultade de Belas Artes, mais, por mor da pandemia, boa parte dos actos conmemorativos previstos quedaron adiados para este 2021. Este é o caso de Campo de sementes, a exposición que desde este xoves pode visitarse na Fundación RAC e que reúne as obras de dez docentes da facultade, establecendo un diálogo entre o profesorado máis novo e o máis veterano. O decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e a egresada da facultade, historiadora da arte e xestora artística Sara Donoso son os comisarios desta exposición, que reúne as creacións de Xoán Anleo, Covadonga Barreiro, Natividad Bermejo, Marcos Covelo, Basilisa Fiestras, Elena Lapeña, Marina Nuñez, Juan Carlos Meana, Juan Carlos Román e Javier Tudela.

Organizada pola facultade, Campo de Sementes ofrece “unha pequena escolla do traballo de cada docente-artista, amosando en cada caso tanto a diversidade como a riqueza formal e conceptual das propostas”, segundo salientan os seus comisarios, que destacan tamén que colaboración coa Fundación RAC, “permite vencellar á Universidade cunha institución de prestixio no eido da arte contemporánea”. A mostra, que poderá visitarse de mércores a venres en horario de 16.30 a 20.30 horas ata o 14 de maio, insírese nun programa de exposicións conmemorativas que se iniciou en outubro con De mestras e mestrados, no Museo de Pontevedra. 

A arte como “territorio híbrido”

Dentro dunha liña de traballo marcada polo uso da palabra como “parte consubstancial do motivo artístico”, Xoán Anleo (Marín, 1960) presenta nesta exposición dúas pezas que, “nunha primeira ollada levarían a pensar nunha obra de deseño gráfico” e que, como salientan os comisarios, amosan a súa concepción da arte como un “territorio híbrido, contaminado, pervertido pola acción de moi diversos axentes externos”. Pola súa banda, Covadonga Barreiro (Ares, 1983) fai uso dunha caixa de luz para dar forma nesta mostra a representacións de “nubes, atmosferas enchidas de luz” e dunha reverberación do sol que, “ao proxectarse a través da caixa alumea a sala de exposicións”. 

Tamén a través dunha instalación, que neste caso constrúe o corpo a partires do fragmento, Campos de sementes permite achegarse a como a obra de Basilisa Fiestras (Forcarei, 1985) incorpora “referencias poéticas con apreciacións radicais, lúcidas, onde a dimensión humana súmase a un imaxinario íntimo que atopa o seu espazo na exploración do carnal e o social”, como sinalan Donoso e Buxán. Por outra banda, o uso de “imaxes e obxectos que funcionan como símbolos e relevan diversas preocupacións socioculturais” definen a obra de Juan Carlos Meana (Vitoria - Gasteiz, 1964), que presenta ...E comemos todos do mesmo prato (2019), unha instalación que convida “a imaxinar o que non vemos a través da elipse”, neste caso facendo uso de cuncas e “pans artificiais” que se dispoñen na sala “como unha natureza morta”. 

A exposición permite así mesmo achegase ao traballo que, desde hai moitos anos, Javier Tudela (Vitoria – Gasteiz, 1960) leva a cabo con múltiples obxectos cotiás, “cousas vulgares” ás que proporciona “nova vida e novas narrativas”, convertendo en arte, sinalan os comisarios, “obxectos que antes eran lixo”. Presentada como unha “creadora de mundos, de lugares simbólicos nos que caben todo tipo de alteridades”, Marina Nuñez (Palencia, 1966) suma a esta exposición a súa serie Grietas (2013-2014),na que “miles de ollos, xurdidos do interior dunha parede con forma ovoide, móvense con xesto orgánico convidándonos a acceder a outros universos”.

A historia da arte como algo contemporáneo

Os bodegóns de flores “que percorren toda a historia da arte”, na que as flores se presentan como “explosión de luz e cor”, son o punto de partida dos cadros nos que Elena Lapeña (Madrid, 1964) retrata en cada un deles unha flor, “connotada na iconografía artística como símbolo sexual, mais tamén de pureza, de fe, ou, pola contra, de mundanidade...”. O bodegón, así mesmo, é o eixo das pinturas, “que perfectamente poderíamos conectar coa rica tradición da pintura española do Século de Ouro”. de Juan Carlos Román (Bilbao, 1961), do que os comisarios sinalan como converte a historia da arte nun asunto “que tamén nos atinxe aos contemporáneos”, amosando unha “tradición convertida en revolucionara e iconoclasta”.

Por outra banda, no marco do traballo que desenvolve “desde un universo subxectivo e realista que cruza frecuentemente ao espazo da abstracción”, Nati Bermejo (Logroño, 1981) presenta en Campo de sementes uns debuxos de gran formato, como a serie Variaciones. Nieve N-120 (2020), que compasa “o onírico co obxectivo, nunha misteriosa sensación de apracibilidade que nos somerxe na contemplación da neve que cae pola noite nunha viaxe en autobús”. Tamén tomando como punto de partida o pictórico, Marcos Covelo (Vigo, 1985) presenta unha serie de pezas que á súa vez reivindican “o interese polas tres dimensións”, achegándose á escultura e á instalación, como é o caso dunhas manchas cerámicas (2019), que supoñen un “achegamento á idea de accidente”, como salientan os responsables da mostra.