DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro que se celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

O Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos bota a andar analizando as boas prácticas no sector 

Coa participación do coordinador europeo da International Asociation for the Study of the Commons

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 16/05/2025

80 representantes de directivas de comunidades de montes e membros de grupos de investigación das universidades galegas participan no I Encontro do Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos que hoxe se celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo. “O Observatorio nace como un punto de encontro entre as comunidades de montes e a universidade, para o mellor coñecemento da creación de valor social  das comunidades e o desenvolvemento de boas prácticas”, explica o docente e investigador do Departamento de Economía financeira e contabilidade Xavier Martínez Cobas en relación con esta iniciativa posta en marcha pola UVigo e as fundacións Juan de Vega e Isla Couto.

Neste primeiro acto organizado polo Observatorio desenvólvense tres mesas redondas en sesións de mañá e tarde nas que se abordan temas de interese e boas prácticas no sector, como o servizos ecosistémicos do monte comunal ou a xestión do monte a través do gando. Así mesmo, presentouse neste foro os resultados da tese de doutoramento de Beatriz Zugazagoitia sobre capital intelectual das comunidades de montes galegas. No transcurso do encontro, Lara Otero presentou o traballo de medición de valor social na comunidade de montes de Vincios, mentres que representantes das comunidades do Rosal e Baroña e da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Asociación Forestal de Galicia centrarán as súas intervencions nas súas experiencias particulares.

Tobias Haller, conferenciante invitado

O coordinador en Europa da Internacional Association for the Study of the Commons, Tobias Haller, foi o conferenciante invitado a este encontro, organizado pola Universidade de Vigo e as fundacións Isla Couto e Juana de Vega, no que trasladou ás persoas participantes a esencia do seu traballo, centrado na xestión sostible dos recursos locais, con especial referencia aos bens denominados comúns (commons), ademais de referirse ás comunidades de montes e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.

Profesor extraordinario no Instituto de Antropoloxía Social da Universidade de Berna, Suíza, Haller asumiu, a principios de 2021, a presidencia do IASC. “O seu interese polos comúns europeos reflíctese a través de proxectos de investigación comparativa sobre diferentes organizacións comunais suízas e o seu cambio desde o século XVIII. Fixo tamén traballo de campo en Camerún e Zambia e especializouse en antropoloxía económica e ecolóxica, incluíndo a xestión de recursos comúns e a xestión comunitaria de recursos naturais”, detalla Martínez Cobas.