DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto no que participa profesorado de Educación e Traballo Social

Oito concellos ourensáns define no campus a súa folla de ruta para implementar accións aliñas coa Axenda 2030

Están San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Transferencia
DUVI Ourense 26/06/2025

O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación en cada un deles dunha ou varias accións aliñadas coa citada Axenda 2030. 

A iniciativa, liderada polo Concello de San Xoán de Río, está financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e prolongarase ata outubro. Con ela preténdese contribuír á revitalización de concellos de menos de 5000 habitantes integrando nas súas estratexias municipais e desenvolvendo accións relacionadas cos ODS. “O interesante aquí é que reunimos concellos, que cada un do seu signo político, que teñen dúas características comúns: o seu reducido tamaño en número de habitantes, que non en quilómetros cadrados, e que teñen gañas de facer políticas cun criterio de sostibilidade importante”, explica Maribel Doval, responsable da participación da Universidade de Vigo. 

Da diagnose á acción

Concretamente, o proxecto aborda tres eixos prioritarios do Reto País 8 da Axenda 2030: o despoboamento, o envellecemento poboacional/lonxevidade e a masculinización do territorio. Os resultados agardados son a elaboración en cada concello implicado dun plan estratéxico local vinculado aos ODS e o deseño e implementación dunha acción transformadora, que estará ademais vinculada á actualización do plan de igualdade de cada municipio. A primeira fase do proxecto, xa rematada, centrouse en realizar unha diagnose da situación actual dos oito municipios rurais implicados, identificando as accións transformadoras a desenvolver en cada un deles vinculadas aos ODS. Neste senso, Maribel Doval, profesora na Facultade de Educación e Traballo Social e investigadora do grupo HC1 da UVigo, destaca que a identificación e elección das accións a realizar fíxose en cada concello nun proceso horizontal e democrático e en diálogo cos respectivos axentes locais. 

Na segunda etapa, a realizada este xoves no campus, definíronse as follas de ruta das accións seleccionadas polos concellos para a súa implementación posterior. Así, hoxe cada municipio traballou arredor da súa proposta, concretando desde os seus obxectivos, calendario e necesidades ata as súas accións, difusión e avaliación. Estas liñas estratéxicas e follas de ruta tamén foron avaliadas cunha ferramenta informática ideada pola Universidade de Vigo dentro dun proxecto Interreg no que ademais de Maribel Doval participou o investigador do campus de Ourense Pedro Orgeira. Esta ferramenta, aínda en fase beta, proporcionará a cada concello un informe personalizado sobre a súa proposta para a súa mellora. 

Na seguinte fase do proxecto, cada concello implementará a súa proposta e logo todas elas serán recollidas nun mapa virtual de accións aliñadas cos ODS da Axenda 2030 en municipios do rural ourensán con capacidade de transferencia a outros municipios.