DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario Ourense xoga o domingo o primeiro encontro desta tempada

Oito meses despois, volve a competición de rugby

Recibirá ao equipo navarro La Única RT

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 23/10/2020

Despois de oito meses de parón debido ao impacto da covid-19, a competición de rugby volve a Ourense. O Campus Universitario Ourense Rugby Club xoga o domingo 25 de outubro o seu primeiro encontro desta tempada, onde volve a competir na división de honra B so rugby estatal. O partido, que se disputará no campo de fútbol-rugby do campus de Ourense, será contra o equipo navarro La Única RT, de Pamplona, que ascendeu recentemente a esta categoría.

Segundo explican desde o club universitario, o equipo afronta esta tempada continuando con David Monreal como adestrador e dando continuidade aos xogadores da anterior tempada. Debido ás medidas de loita contra a covid-19, indican desde a entidade, este ano a renovación do equipo queda limitada á chegada de catro ou cinco xogadores procedentes todos eles da xeografía galega ou estatal, non sendo posible este ano o tradicional reforzo con xogadores procedentes de Nova Zelandia.

Unha liga diferente

O obxectivo desta tempada, comentan desde o Campus Universitario Ourense Rugby Club, é “estar entre os seis primeiros” equipos. Nesta edición marcada pola pandemia, indican, “a liga xógase de maneira diferente”. Así, detallan, haberá unha primeira volta de once partidos, dos que cinco ou seis, segundo o sorteo, se xogarán na casa. Logo, apuntan, haberá unha segunda volta na que os seis primeiros clasificados xogarán unha especie de liguiña entre eles e os seis últimos outra, posibilitando a celebración de menos partidos e menos desprazamentos. Neste contexto, desde o equipo ourensán aspiran a quedar entre os seis primeiros na primeira ronda e na segunda “na mellor posición posible”, tendo en conta, sinalan, que “a división de honra é complicada, xa que a maior parte dos equipos son profesionais”. En todo caso, apuntan desde o club, “a nosa intención é estar aí arriba e manternos como o mellor equipo galego”.

Respecto ao encontro que se disputará o domingo e que terá lugar ás 12.00 h, a asistencia de público estará regulada polas medidas de loita contra o coronavirus indicadas polas autoridades pertinentes. Ao igual que os adestramentos dos equipos se realizan seguindo un protocolo anti-covid, o desenvolvemento do encontro farase de acordo, tal e como indican desde o club de rugby ourensán, a un “protocolo estrito” que inclúe, entre moitos outros aspectos, que os xogadores teñen que ter resultado negativo nas pertinentes probas de detección do coronavirus.