DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada polo CPEIG coa colaboración das tres universidades galegas

A Olimpíada Informática Galega 2022 busca participantes

Poden inscribirse estudantes de ESO, Bacharelato ou Ciclo Formativo de grao medio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 15/10/2021

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas, pon en marcha a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022). Poden participar nela estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Ciclo Formativo de grao medio de centros galegos que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2022. Elas e eles deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación.

A cita desenvolverase o 4 de febreiro de 2022 de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, da Universidade de Vigo; a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. As e os participantes na Olimpíada Informática Galega deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Estes problemas, indican desde a organización, adoitan centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. Na cita permítese o uso de C++, Python ou Java.

Preinscrición aberta

Xa está aberta a pre-inscrición para a olimpíada, que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final, ademais do dereito a asistir de forma gratuíta a uns adestramentos en colaboración coa academia Leagues of Codes. Estes adestramentos comezan este sábado, 16 de outubro, cunha proba de nivel que se poderá realizar durante toda a vindeira semana, e permitirá asignar axeitadamente a cada estudante ao grupo que mellor se axuste aos seus coñecementos en programación para as seguintes clases, permitindo que poidan asistir estudantes sen coñecementos previos de programación.

O certame permitirá seleccionar a dous representantes galegos para competir na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, as e os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia.