DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Olimpíada de Química converte un cento de estudantes de secundaria en científicos e científicas por un día

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 17/06/2025

Dende analizar probas forenses para resolver un crime ata un scape room ou un rosco científico. A mañá deulle para moito aos máis de 100 estudantes de 3º e 4º da ESO que este martes participaron no campus de Vigo na Olimpíada de Química. Procedentes de dez institutos tanto de Vigo como de localidades da comarca como Moaña, Nigrán ou Baiona, afrontaron diferentes probas relacionadas, dun xeito ou outro coa química e as súas aplicacións prácticas. 

A idea de poñer en marcha esta actividade con institutos xurdiu hai xa catro anos, como explica a decana da Facultade de Química, Ángeles Peña, e cada vez atrae a máis mozos e mozas, dobrando nesta ocasión a participación do ano pasado, e con varios centros que participaban por primeira vez. O obxectivo, explica, “é espertar vocacións e amosarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria obrigatoria que a ciencia e, en particular, a Química “pode ser moi divertida”. 

Logo das dinámicas de presentación e divididos en grupos cun estudante de cada centro para fomentar tamén a interacción, comezaron as diferentes actividades. Nos laboratorios debían enfrontarse, emulando o traballo da policía científica, a un asasinato. Entre probetas, reactivos e tubos de ensaio e partindo da probas atopadas na escena do crime, debían resolver o crime. Mentres, outros grupos completaban unha xincana e un scape room grazas aos seus coñecementos da química ou resolvían pasatempos ou un rosco científico. A mediodía chegaba a hora da proba final e da entrega de premios, resultando gañador o equipo Materiais de transición. A xornada rematou cunha comida conxunta no comedor da facultade.

Ademais de recibir material promocional, os gañadores poderán participar nunha visita aos laboratorios da facultade e dos centros científicos asociados CINBIO e CIQUS, aos que poderán ir acompañados por algún amigo ou familiar. 

Catro anos incrementando as vocacións pola Química

Tras catro anos organizando a Olimpíada de Química, a decana da facultade non dubida en afirmar que esta actividade cumpre, e con creces, o seu propósito. “Cremos que xunto coas visitas ao centro e as actividades nas que participamos como StemBach, estamos a mellorar o interese polo Grao en Química”. Neste tempo incrementouse a nota de entrada e a porcentaxe de estudantes que elixen esta titulación como primeira opción. De feito, na enquisa que o centro realiza cada ano na xornada de benvida para o alumnado de novo ingreso “preguntamos se viñeron a visitar a facultade con estas actividades e máis do 40% dixeron que si o ano pasado”.

Ademais engade Peña, este tipo de iniciativas “xeran un ambiente xenial na facultade” e salienta a “importante implicación” de PDI, PTXAS e estudantes que colaboran como monitores de cada un dos grupos.