DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha xornada con este obxectivo

Unha ollada feminista e interdisciplinar para mellorar a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero

A actividade xunta as visións do académico e da práctica profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 02/05/2022

Outra atención cara a violencia de xénero é posible. Olladas feministas e interdisciplinares. Este é o título dunha xornada que este luns se celebra na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e que ten como obxectivo analizar e facer propostas para mellorar a atención por parte do sistema das mulleres vítimas de violencia de xénero e evitar unha “violencia institucional” que pode supor para elas unha segunda vitimización.

A xornada está coordinada polas profesoras da UVigo Iria Vázquez Silva e Yolanda García Vazquez. “Estas xornadas xorden da necesidade de que o alumnado teña máis formación para a atención ás mulleres en situación de violencia”, explican as súas responsables pondo o foco en como “nas universidades aínda a día de hoxe non hai materias obrigatorias de igualdade e violencia de xénero e é necesario dalgún xeito traballar esta temática”. Aínda que está aberta ao público interesado en xeral, a actividade, engaden, está especialmente dirixida ao alumnado do Grao de Traballo Social do campus de Ourense. Tendo en conta o papel que desenvolverán nun futuro próximo como traballadoras e traballadores sociais, apuntan, “pensamos que é especialmente relevante que este alumnado se poida formar en como ofrecer unha atención feminista a este colectivo”.

Evitar a violencia institucional

O que se persegue aplicando unha olladas feminista e interdisciplinar na atención ás vítimas violencia de xénero, indican as responsables da iniciativa, é “non provocar unha dobre vitimización das mulleres”. Iso implica, detalla Iria Vázquez, “facer unha acollida das mulleres en situacións de violencia que respecte os seus dereitos e que teña especial coidado en facer unha boa derivación, se é o caso, e respectar todo o que chamamos enfoque interseccional”. Este enfoque interseccional refírese, apunta, a ter en conta as dificultades a maiores que van a ter mulleres que, á súa condición de vítimas de violencia de xénero, se lles engaden factores como ter diversidade funcional ou ser mulleres inmigrantes.  “A idea é pór a atención en como os recursos non están aínda ofrecendo unha boa atención ás mulleres e sobre todo ás mulleres que poden ter unha dobre discriminación, por dicilo dalgún xeito”, apuntan desde a organización da xornada.

Como exemplo destas posibles violencias institucionais Iria Vázquez pon a situación nos xulgados. “A día de hoxe, na maior parte dos xulgados non temos unha sala de espera para vítimas e outra para agresores, co cal moitas mulleres nos xulgados de violencia de xénero crúzanse cos seus agresores e os seus familiares”, explica, apuntando a necesidade de repensar os espazos desde unha perspectiva feminista. “Agora fálase bastante da arquitectura feminista, o que é unha boa nova, e temos que repensar por exemplo os edificios administrativos neste senso e darlle prioridade a que se respecte por exemplo un dereito que teñen as mulleres, que é non ter que atoparse cos seus agresores”, apunta a profesora da UVigo. Na mellora desta atención tamén pon como exemplo a conciliación. “Moitas mulleres en situacións de violencia teñen crianzas e a día de hoxe tampouco temos un sistema que se active para que poidan conciliar e que lles permita ir ao xulgado, ir a comisaría, etc”, indica. “Estamos agora mesmo como na atención de emerxencia pero fáltanos, por dicilo dalgún xeito, pór as luces longas para facer unha atención especializada máis planificada e que realmente sexa garante dos dereitos das mulleres”, subliña Iria Vázquez Silva.  

Do académico ao profesional

Para abordar estas cuestións, a xornada conta cunha intervención de Lola Ferreiro Díaz, doutora en Medicina e experta en violencia de xénero, que falará sobre “a atención a mulleres na consulta e alén da consulta”. Para falar da intervención social desde os recursos de emerxencia para vítimas de violencia de xénero estará Elena Molanes Piñeiro, traballadora social e directora-coordinadora do CEMVI, o Centro de Emerxencias para Mulleres de Vigo. Pola súa banda, Sabela Pérez Martín, traballadora social que fixo o seu traballo fin de grao na UVigo sobre violencia machista institucional, e a propia Iria Vázquez falarán sobre unha atención social feminista fronte á violencia machista institucional. Por último, haberá unha intervención sobre novas formas de intervención psicosocial dende o traballo social con mulleres vítimas de violencia de xénero a cargo da outra docente da Universidade de Vigo que coordinada a xornada, Yolanda García.

Con este panel de relatoras, explican as responsables da xornada, quixeron xuntar profesionais do eido académico pero tamén profesional especializadas no eido da violencia de xénero co obxectivo de ofrecer tanto una perspectiva desde a teoría como a práctica. “Cremos que desde as universidades tamén temos que formarnos nas ferramentas prácticas para ofrecer unha boa atención nas situacións de violencia”, comentan desde a organización iniciativa. Alén desta combinación, as xornadas, engaden, tamén queren, “ademais de analizar e facer unha diagnose da situación facer propostas de melloras a nivel institucional neste eido”.