DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este mes a celebración dun obradoiro con esta temática

Unha oportunidade para aprender escritura creativa da man de “persoeiros relevantes da cultura emerxente”

A iniciativa mestura formación presencial e virtual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 04/11/2020

Entre as novidades da programación de extensión universitaria que organiza este cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación está un obradoiro de escritura creativa en lingua española. O seu obxectivo é “achegar ao alumnado a escrita creativa a través de persoeiros relevantes da cultura emerxente, como Manuel Cuenya, Nuria Sotelo, Fernando Dacosta e Tamara Andrés, que tratarán de proporcionarlles ferramentas e técnicas para a produción de textos propios en distintos xéneros literarios (narrativa, poesía e teatro)”.

Con 30 horas de duración, esta iniciativa desenvólvese desde durante todo o mes de novembro, concretamente do día 3 ao 27, mesturando sesións presenciais no Edificio de Ferro do campus con sesións virtuais, atendendo ás restricións derivadas da situación sanitaria provocada pola covid-19. Segundo explica a directora do obradoiro, a profesora asociada da Área de Lengua Española da Universidade de Vigo Noelia Estévez Rionegro, a idea de propor este actividade “xurdiu no transcurso dunha aula de Lingua Española hai aproximadamente un ano. Os alumnos comentaron que, ás veces, querían lanzarse a escribir porque tiñan as ideas, pero non sabían como facelo; reclamaban estratexias ou certas pautas que lles serviran de guía á hora de iniciarse na escrita”. Neste contexto, apunta a docente, “propúxenme levar a cabo un obradoiro que puidese cumprir esas expectativas dende o maior número de puntos de vista posible. Por iso, decidín abranguer distintos xéneros literarios e traer un experto en cada un deles, coma un xeito de achegar unha perspectiva máis realista e persoal do proceso de creación”.

Narrativa, teatro e poesía

O programa do obradoiro inclúe escritura creativa en narrativa, que será impartida polo profesor, xornalista e escritor Manuel Cuenya; escritura creativa en teatro, que será ofrecida polo dramaturgo, actor e profesor Fernando Dacosta, e escritura creativa en poesía, da que se encargará a tradutora, profesora e poeta Tamara Andrés. Tamén haberá espazo nesta actividade para a performance poética, a cargo de Nuria Sotelo, intérprete de danza e teatro, directora artística e profesora, e para o deseño de actividades didácticas para o fomento da escritura creativa na aula, apartado do que se ocupa a propia Noelia Estévez. As sesións, indica a súa responsable, permitirán ademais ás e a os participantes coñecer e compartir produtos de correntes literarias actuais e explorar novos formatos de creación a partir de soportes escritos (performance e posta en escena).

O número de persoas inscritas neste obradoiro de escritura creativa en lingua española ascende a 16, cifra que desde a organización valoran positivamente tendo en conta que é a primeira edición desta proposta e as circunstancias especiais nas que se desenvolve debido á pandemia. Sobre o perfil deste alumnado, a directora da actividade apunta que é moi variado aínda que “hai un predominio de participantes que teñen relación co ensino. Hai un número importante de estudantes de grao (principalmente de Educación), pero a maioría son profesores en activo de Educación Secundaria e de Universidade”.