DUVI

Diario da Universidade de Vigo

orientación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 03/05/2021

Unha ruta secreta para unha carreira por equipos, longa e chea de obstáculos. Así podería definirse a proba á que asistiron varios membros do equipo de orientación da Universidade de Vigo esta fin de semana na localidade de Cambre, A Coruña. Organizada polo Club Gallaecia, a carreira forma parte da Liga Galega de Raids, unha modalidade que consiste en superar as dificultades naturais do terreo combinando varios deportes e empregando únicamente a propia forza e medios non motorizados, é dicir, usando elementos como bicicleta de montaña, kaiak, cordas, luvas, etc. 

Na proba só puideron participar 90 equipos polos protocolos marcados pola pandemia da covid-19, mais a UVigo tivo representación nas dúas categorías de Orienta-Raid, a masculina e a feminina. José Luís Armada e Carles Abad conseguiron completar o percorrido en algo máis de cinco horas, mentres que o equipo formado por Begoña Crespo, Mª Ángeles García e Ana Iglesias chegou á meta en case seis horas, que era o tempo máximo establecido pola organización. 

Malia non acadar o podio, Armada, coordinador do equipo, subliña que as corredoras e corredores quedaron “satisfeitos por teren rematado dentro das seis horas previstas” nunha xornada que esixiu “grandes habilidades de orientación” e probou “a capacidade de resistencia física e psicolóxica dos participantes”. Con esta valoración afrontan a seguinte cita, que será no mes de xuño no municipio pontevedrés de Arbo.