As persoas interesadas poden inscribirse ata o venres 25
A Orquestra da UVigo busca novas incorporacións
Ao igual que o curso pasado os ensaios terán lugar os xoves, de 19.00 a 21.00 horas
Se che gusta a música, se queres comezar o curso con novos propósitos... Aínda estás a tempo de formar parte da Orquestra da Universidade de Vigo. A formación musical mantén aberto ata o 25 de setembro o prazo para que estudantes, Persoal Docente e Investigador, Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos e persoas do colectivo alumni soliciten a súa incorporación ás actividades do curso 2026/2027. As persoas interesadas tan só deben inscribir un formulario no que expliquen que instrumento/s tocan, onde se formaron e que experiencia teñen.
Baixo a dirección de Raquel Carrera, a formación reúne xa arredor dunha trintena de intérpretes dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, e conta con instrumentos de corda —violíns, violas, violonchelos e contrabaixos—, vento madeira e vento metal, e está previsto que a percusión se incorpore proximamente.
Ao igual que o curso pasado os ensaios terán lugar os xoves, de 19.00 a 21.00 horas, no edificio Redeiras. Nesta convocatoria poderán incorporarse, de xeito excepcional, colaboradores externos cando así o requiran as necesidades artísticas da orquestra.
Tras Vigo e Ourense, chegará a estrea en Pontevedra
Impulsada desde a Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria hai menos dun ano como “un espazo artístico participativo, integrador e enriquecedor, co fin de compartir a paixón pola música, medrar colectivamente e espallar a arte orquestral”, a formación estreouse xa o pasado mes de xuño cun concerto no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, “un debut que resultou ser unha experiencia incrible”, tal e como recoñeceu orgullosa a directora en referencia “a todo o que conseguimos levantar en tan só oito meses de vida”.
Tras a estrea en Vigo, con obras de Haydn, Mozart, Bartók e Rossini e nun auditorio practicamente cheo, chegou a quenda de Ourense, o 12 de xuño no Teatro Principal, e agárdase que para os vindeiros meses poida facerse o propio na cidade de Pontevedra.
