DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actuación terá lugar ás 21.00 h e a entrada será de balde

A Orquestra da UVigo preséntase este venres en Ourense cun concerto no Teatro Principal

Tras o seu debut o sábado na cidade olívica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 09/06/2026

Este sábado debutou cun concerto no Conservatorio Superior de Música de Vigo a nova Orquestra da UVigo. Tras a boa acollida da súa posta de largo ante o público, a agrupación ofrecerá este venres, día 12, ás 21.00 h, no Teatro Principal de Ourense o seu segundo concerto de presentación. A actuación nesta cidade, que conta coa colaboración da Deputación Provincial, é aberta ao público interesado, con entrada de balde previa recollida de invitacións na taquilla desde unha hora antes do concerto, ata esgotamento de prazas.  

Transcorridos oito meses desde a súa creación por iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Orquestra da UVigo, dirixida por Raquel Carrera Álvarez, está formada por unha trintena de integrantes, a maior parte estudantes e ex estudantes e tamén algún representante do PDI, procedentes maioritariamente do campus de Vigo, aínda que tamén con presenza dos campus de Ourense e Pontevedra. “Esta diversidade é algo que nos parece especialmente enriquecedor porque converte a orquestra nun verdadeiro punto de encontro da comunidade universitaria”, sinala Raquel Carrera, lembrando que para moitas das persoas que integran a orquestra esta é a primeira vez que participan nun proxecto sinfónico universitario destas características. A nivel instrumental, a formación conta con representación das principais familias da orquestra sinfónica: corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira, e vento metal, ás que proximamente se sumará a percusión. 

Un repertorio con variedade

O programa do concerto que terá lugar en Ourense inclúe a Obertura de L'isola disabitata e o Concerto para piano e orquestra nº 11 en Re maior de Franz Joseph Haydn, con Mª del Mar Blanco Moreno ao piano; Danzas populares romanesas, de Béla Bartók; a Sinfonía nº 30 en Re maior de Wolfgang Amadeus Mozart; e a Obertura de Il Signar Bruschino de Gioachino Rossini. A elección deste repertorio, indica Raquel Carrera, fíxose buscando o equilibro entre obras atractivas para o público e pezas que permitisen traballar distintos aspectos musicais e orquestrais. “Tamén tivemos moi en conta o momento no que nace a orquestra: queriamos un repertorio que representase enerxía, variedade e capacidade expresiva, pero que ao mesmo tempo fose asumible para unha agrupación que está comezando o seu camiño”, detalla a directora. 

Tanto a directora da orquestra como as e os seus integrantes animan á comunidade universitaria e a calquera persoa á que lle guste a música a asistir a este concerto, porque, ao igual que no seu debut, “van atopar un concerto moi coidado, preparado con moitísimo traballo e cariño por parte de todas as persoas implicadas, cun programa atractivo e cun ambiente moi próximo”. Estes concertos de presentación da Orquestra da UVigo, indican desde a organización, son “unha oportunidade moi especial para ver nacer un proxecto cultural novo dentro da Universidade de Vigo e para comprobar o enorme talento e compromiso que existe na comunidade universitaria”.