DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No obradoiro Modelling the linguistic architecture of English: cognitive and empirical developments

Os achegamentos empíricos a fenómenos da lingüística do inglés reúnen en Vigo a 60 especialistas internacionais 

Organizado polo grupo LVTC da UVigo, remata esta tarde no Marco 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/01/2023

Ata esta tarde, 60 académicos e académicas nacionais e Internacionais reúnense no Marco de Vigo na segunda edición do obradoiro Modelling the linguistic architecture of English: cognitive and empirical developments, organizado polo grupo Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) da UVigo, en colaboración coa rede de investigación English Linguistics Circle, que agrupa a persoal investigador desta universidade e da de Santiago de Compostela. “Este workshop é un foro de debate sobre achegamentos empíricos a fenómenos da lingüística do inglés”, explica o docente e investigador da UVigo, Javier Pérez-Guerra, que destaca que o obxectivo principal deste encontro, que comezou o xoves, é servir como canle de contacto académico entre persoal investigador sénior e persoal en formación na especialidade dos estudos ingleses. 

Durante os dous días que dura o obradoiro estanse a suceder charlas maxistrais a cargo de convidados e convidadas das universidades de Dortmund e Leipzig (Alemaña), Neuchâtel (Suíza), Graz (Austria), Open University (Reino Unido) e do Basque Center on Cognition Brain and Language. Así mesmo, estanse a presentar comunicacións de investigadoras e investigadores das universidades integradas no English Linguistics Circle

Temáticas diversas 

En canto ás temáticas que este xoves e venres se están a abordar no Modelling 2023, Pérez-Guerra destaca “ a análise conversacional e mailas actitudes lingüísticas, as estratexias de procesamento e comprensión do inglés, a coloquialización dos rexistros escritos, os usos o inglés para fins específicas, a variación entre acentos e diversas cuestións da morfosintaxe da lingua inglesa (complementación, comparativos, formas léxicas reducidas, empréstitos, marcadores de discurso)”, enumera o organizador da UVigo do obradoiro, xunto a Yolanda Fernández-Pena, Elena Seoane e David Tizón.