DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada titulación regresa á modalidade de docencia coa que iniciou o curso

Os campus volven á normalidade con cribados masivos para alumnado e persoal

As probas realizadas esta fin de semana en Ourense detectaron tan só un positivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 01/03/2021

Cun mes de retraso sobre o previsto no calendario académico, as clases presenciais do segundo cuadrimestre arrancaron este luns nos tres campus. Así, o alumnado das titulacións con docencia nas aulas puido regresar ás súas facultades e escolas e retomar a docencia con normalidade tras tres semanas de clases en liña. Dende hoxe, cada centro regresa á modalidade que elixiu para impartir este curso 2020/2021: presencial, parcialmente presencial ou mixta. No que se refire aos graos, dos 62 que se imparten na UVigo, 17 optaron por unha modalidade totalmente presencial, é dicir, preto do 30%, que son os que hoxe regresan ás aulas. O resto están a desenvolver este curso nunha modalidade mixta ou parcialmente presencial. No que se refire aos mestrados, dos 74 que oferta a UVigo, 30 optaron pola presencialidade total (40%).

Así, a xornada transcorreu, como explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, sen ningún tipo de incidencia e o retorno ás clases foi como estaba previsto. E é que segundo recorda o vicerreitor, este cambio só implica que “cada estudante que retorne á presencialidade volva á mesma clase, ao mesmo horario e ao mesmo calendario que tiña previamente”. De feito, lembra, “estas tres semanas a docencia desenvolveuse a través do Xemelgo Dixital, sen que isto supuxese ningunha alteración dos plans de estudos e do mesmo xeito que se tivese lugar nas aulas”. 

Tan só a Facultade de Fisioterapia do campus pontevedrés solicitou facer un cambio no calendario do curso para poder readaptar horarios e recuperar as clases prácticas presenciais que non se puideron realizar durante estas semanas.

Cribados para toda a comunidade universitaria

Para poder afrontar este regreso ás aulas do xeito máis seguro posible, o alumnado está a someterse a un cribado masivo por PCR da man do Sergas. O campus de Ourense foi o primeiro en realizar as probas aos estudantes, este sábado e domingo, detectándose tan só un caso entre os 2221 alumnos e alumnas que asistiron do total de 4800 mozos e mozas convocados pola Consellería de Sanidade, un 45,6%.

Hoxe luns arrancaron as probas en Vigo e en Pontevedra. En Vigo, o Pavillón de Deportes comezou a recibir estudantes ás 09.00 da mañá, e seguirá facéndoo ata o mércores en horario de 09.00 a 21.30 horas. Están convocados 10.400 estudantes. Mentres, na capital da provincia o cribado continuará ao longo do día de mañá, na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, en horario de 09.00 a 21.00 horas. En total está convocados polo Sergas arredor de 3400 estudantes. As probas son por vía nasofarínxea e o resultado obtense nuns 15 minutos. Ademais, no campus de Vigo realízase unha proba dobre de antíxenos e PCR pero coa mesma extracción. 

Entre os que foron chamados para realizar hoxe a proba está Marcos Pérez, estudante de Ciencias do Mar que está a realizar o traballo fin de grao. Non ten clases presenciais e explica que esta foi a primeira PCR que lle fixeron. Considera que está todo “bastante ben organizado, con moita separación”, pero tamén apunta que debería “terse feito todo isto moito antes, aínda que mellor tarde que nunca”. Coincide con el Laura González, estudante de doutoramento na Escola de Enxeñería Industrial, pero “de todos xeito, é unha iniciativa moi adecuada; marcho tranquila porque fan o test de anticorpos que che di se xa o tiveches e agora á espera da PCR, pero creo que deixan á comunidade universitaria moi tranquila”. 

Javier Loureiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, comezou hoxe as clases presenciais, e faino coa tranquilidade de saber que non está contaxiado. Explica que todos os seus compañeiros usan sempre a máscara, pero iso non lle quitaba certa preocupación polos seus pais. Leticia Lang, que cursa o mestrado en Biotecnolxía Avanzada, non regresa ás clases presenciais ata o mércores, e farao tras dar negativo, pero coincide con Miriam Fariñas, estudante de Bioloxía que regresa hoxe de maneira semipresencial, en que posiblemente tería sido mellor facer este cribado uns días antes de arrancar as clases.

Paralelamente, a Universidade comezou a semana pasada tamén un cribada xeral a todo o persoal, tanto PAS como PDI como alumnado de prácticas de algúns centros.

Ampliación de liñas de autobuses en Vigo

Para facilitar a participación do alumnado do campus de Vigo no cribado que organiza o Sergas, a Universidade acordou coa empresa Vitrasa unha ampliación dos horarios, dado que as probas rematan ás 21.30 horas. Así os días 1, 2 e 3 de marzo amplíase ata praza de América o percorrido da liña que sae do campus ás 21.45 h e que adoita acabar en Portanet. Asemade, as derradeiras saídas da liña 15C e da lanzadeira U1 dende o campus serán ás 21.18 h e 21.10 h respectivamente.