DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisco Javier González Castaño, Elsa Vázquez e David Patiño serán os novos responsables

Os centros de investigación atlanTTic, CIM e Cintecx renovan os seus equipos de dirección

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 01/10/2026

Ampla renovación á fronte dos centros de investigación da Universidade de Vigo. Tres deles, atlanTTic, CIM e Cintecx, contan dende este xoves con novas direccións. No caso do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, o catedrático Francisco Javier González Castaño substituirá a Martín Llamas Nistal. No Centro de Investigación Mariña, CIM, a catedrática Elsa Vázquez deixa o decanato da Facultade de Ciencias do Mar para asumir a dirección que ata agora correspondía a Daniel Rey. No caso do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, será David Patiño o novo director, que toma a remuda de Ángeles Sanromán.

Francisco Javier González Castaño, novo director de atlanTTic

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Francisco Javier González Castaño asume a dirección do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, que forma parte da rede Cigus, coa intención de continuar optimizando os recursos de investigación e reforzar a visibilidade do centro nas liñas nas que é líder nos ámbitos rexional, nacional e internacional, como a seguridade cuántica, as comunicacións avanzadas e os semicondutores III-V. “Asumo a dirección de atlanTTic con moita ilusión, ambición e responsabilidade”, declara. Neste sentido, cómpre salientar que atlanTTic foi o centro TIC galego líder en captación de recursos en 2025, con máis de 19 millóns de euros captados.

Con máis de 200 profesionais, atlanTTic desenvolve a súa actividade investigadora en ámbitos como as comunicacións terrestres e espaciais, as tecnoloxías duais, os semicondutores III-V, as tecnoloxías cuánticas e a ciberseguridade. González Castaño sinala que “atlanTTic é un centro que xera valor para a comunidade a través dunha investigación de excelencia no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación e do seu compromiso coa transferencia de coñecemento. O reto é seguir facendo medrar atlanTTic, reforzando a súa capacidade investigadora e a súa proxección, e estreitando os vínculos coa sociedade e co tecido empresarial”.

González Castaño é investigador principal do Grupo de Tecnoloxías da Información, ten participado en numerosos proxectos de investigación e transferencia e é coautor de máis de 130 artigos en revistas internacionais. Actualmente, o seu campo de traballo céntrase nas redes de comunicacións avanzadas e nas tecnoloxías duais intelixentes. Ao longo da súa carreira foi enxeñeiro en Televés, profesor no Department of Computer Sciences da Universidade de Wisconsin-Madison e cofundador do centro tecnolóxico Gradiant.

Elsa Vázquez asume a dirección do CIM 

A catedrática de Zooloxía Elsa Vázquez asume a dirección do Centro de Investigación Mariña (CIM) cun proxecto que busca consolidar este centro Cigus como “un dos principais motores de investigación da Universidade de Vigo e como o referente estratéxico en investigación mariña dentro do sistema galego de I+D+i”. Ademais, faise cargo tamén da dirección do proxecto do Campus do Mar.

Investigadora do grupo EcoCost do CIM e cunha ampla traxectoria en investigación mariña e xestión universitaria, Vázquez inicia esta nova etapa co obxectivo de “consolidar a transformación experimentada polo CIM nos últimos anos e avanzar desde o seu actual recoñecemento cara a unha posición de liderado internacional”. Para a nova directora, este salto cualitativo pasa por “incrementar a capacidade do centro para liderar iniciativas europeas de grande envergadura e potenciar o impacto científico, tecnolóxico e social da investigación”. Esta proxección exterior irá acompañada dun traballo interno dirixido a reforzar a colaboración científica entre os diferentes grupos do CIM, impulsando proxectos transversais e interdisciplinares. 

Ademais da excelencia científica, Vázquez aposta por reforzar o papel activo na transferencia de coñecemento cara ás empresas, administracións e axentes sociais, contribuíndo á innovación e á competitividade da economía azul. “Temos a responsabilidade de ofrecer á sociedade asesoramento baseado en evidencias científicas para apoiar a toma de decisións en ámbitos relacionados co medio mariño e a sustentabilidade”. Ademais, tamén pon en valor as potencialidades das infraestruturas singulares do CIM. “A Ecimat, o mesocosmos, a batea experimental e o novo buque oceanográfico, xunto coa nosa capacidade científica e a nosa pertenza a redes internacionais deben permitirnos atraer persoal investigador de excelencia, xerar colaboracións de longo percorrido e situar o CIM entre os centros europeos de referencia en investigación mariña”.

Paralelamente, Elsa Vázquez quere “situar as persoas no centro da estratexia”, incrementando o sentimento de pertenza ao CIM, fortalecendo a captación e retención de talento, promovendo o desenvolvemento profesional en todas as etapas da carreira investigadora e reforzando o papel do persoal técnico e de xestión. A catedrática da UVigo sinala que “a etapa anterior permitiu construír unha base sólida en aspectos como a identidade institucional, a colaboración interna, a transferencia e as infraestruturas. Agora debemos transformar ese progreso en resultados aínda máis visibles e ambiciosos”. Neste novo período, aposta tamén por impulsar unha gobernanza máis participativa e inclusiva, integrando a igualdade e a diversidade como eixes transversais da actividade diaria do centro e como sinais de identidade da súa cultura organizativa.

Ao longo da súa carreira, Vázquez participou e liderou numerosos proxectos competitivos autonómicos, estatais e europeos, ademais de contratos de investigación e programas de cooperación internacional, combinando a investigación básica sobre organismos e ecosistemas mariños cunha orientación cara á aplicación do coñecemento. Conta tamén cunha extensa experiencia en postos de responsabilidade na Universidade de Vigo, onde foi vicerreitora de Investigación, directora da Área de Captación de Talento do Campus do Mar, vicedecana da Facultade de Ciencias do Mar e, dende novembro de 2024, decana. 

David Patiño, á fronte do Cintecx

A terceira das renovacións é a do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, que terá a partir de agora como director a David Patiño, catedrático na área de Máquinas e Motores Térmicos e investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE). Asume este reto con “moita ilusión, sentido da responsabilidade” e “con vocación de servizo”. Agradece o traballo realizado polas súas predecesoras no cargo e agarda poder “achegar a miña experiencia en investigación, transferencia e xestión a un proxecto colectivo que reúne ámbitos moi diversos da enxeñaría e da tecnoloxía industrial”.

Considera que o Cintecx é “un centro cun potencial enorme e persoal investigador de primeiro nivel e trataremos de escoitar a todos os grupos co obxectivo de sumar esforzos para que o centro dea un salto cualitativo nos próximos anos”. Apunta a súa capacidade de crecemento, xa que a pesar de ser un “centro relativamente novo, conta xa coa colaboración de unhas 220 persoas, que producen máis de 180 publicacións JCR ao ano (a maioría en Q1) e colaboran en 62 proxectos activos, dos cales 13 son internacionais. Contamos con 11 investigadoras/es entre o 2% máis citado do mundo. Ademais, a transferencia é un trazo distintivo do centro: máis dun cento de contratos con empresas ao ano e un amplo portafolio de patentes”. 

De cara ao futuro, o máis inmediato será “consolidar o equipo de dirección e o persoal de apoio á xestión, para dar resposta ás necesidades diarias do persoal investigador”. Aposta tamén por reforzar a comunicación interna entre os grupos e a imaxe externa cara a sociedade e comezarase a traballa para poñer en marcha un novo plan estratéxico, sen deixar de lado a aposta pola igualdade, “incrementando a presenza de investigadoras e a súa relevancia para o centro”.

A medio-longo prazo, o seu obxectivo é claro: “acadar a acreditación como centro de excelencia da Rede Cigus” (actualmente é un centro colaborativo) e “converter o Cintecx nun referente internacional en tecnoloxías industriais e enerxías sostibles”. Para iso, explica, “cómpre mellorar a produción científica de máximo impacto, a captación de proxectos internacionais e a atracción de talento. Queremos un centro que xere coñecemento de excelencia e que o transfira de maneira efectiva ao tecido produtivo galego”.

O eido de investigación de Patiño céntrase na combustión de biomasa e doutros combustibles renovables e descarbonizados (hidróxeno), na modelización de procesos térmicos e nas tecnoloxías de redución de emisións. É coautor de mais de 65 artigos JCR os que suman máis de 2400 citas. Participou en múltiples proxectos de investigación e contratos con financiamento autonómico, estatal e europeo. É coautor de catro patentes, unha delas europea, e participante en máis de 100 proxectos con empresas ao longo de 15 anos. No eido da xestión, ten sido subdirector da EE de Minas e Enerxía e director de área na Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado entre outras responsabilidades.