DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do programa Divulgando Ciencia Singular

Os centros de investigación do campus de Vigo abren as súas portas á cidadanía

O CIM inicia as actividades este venres e sábado no campus, na Ecimat e na ría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/10/2021

Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os seus centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.

As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.

CIM

O centro máis madrugador é o CIM, que este venres 22 abre as súas instalacións do campus de Vigo e o sábado 23 as da Ecimat en Toralla, ás que se suma a posibilidade de participar nunha viaxe en barco pola ría. A finalidade é que a cidadanía coñeza a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia de cara á sociedade.

As persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada ás instalacións do CIM no campus de Vigo o venres, percorrendo varios grupos de investigación no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia da Universidade de Vigo. Os participantes terán o reto de dar resposta a catro preguntas durante a súa visita e as e os que acerten recibirán un agasallo. Para esta visita haberá dúas quendas, unha ás 16 e outra ás 16.30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo, descubrir o funcionamento dun robot subacuático e outras experiencias de investigación mariña. Para esta actividade ofértanse tres quendas, dúas de mañá, ás 09.00 e ás 12.15 e unha de tarde, ás 16.00. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense, en concreto ao grupo de investigación EPhysLab, a partir das 12.00 horas.

Programa completo do CIM

Cintecx

A seguinte semana será o Cintecx o que abra as súas portas á cidadanía. Farao o día 28 a partir das 16.00 h, coa visita do alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que deseñaron un programa de actividades que comprende tres obradoiros. Por unha banda, un taller de combustión, no que aprenderán dende os conceptos máis simples ata a súa aplicación a sistemas complexos e reais como motores de combustión, plantas de xeración de enerxía, etc. Unha segunda actividade centrarase na intelixencia artificial, para explicar dun xeito interactivo, a súa aplicación no mundo da enxeñaría. As persoas asistentes resolverán un problema de visión artificial e aprenderán la importancia da compilación de datos, desenvolvendo a súa capacidade resolutiva e súa imaxinación. O programa complétase cun obradoiro de desenvolvemento sostible e biotecnoloxía, no que o alumnado fará experimentos de tratamento de augas coloreadas empregando adsorbentes producidos a partir de residuos.

Cinbio

O Centro de Investigación Biomédica deseñou para esta celebración o ciclo de actividades Ciencia con C de Cinbio, que consistirá na realización de diferentes actividades que se artellan arredor de tres bloques temáticos: Cinbio na escola, Cinbio na rúa e Coñece o Cinbio. A primeira actividade será o 2 de novembro para escolares de 4º da ESO e 1º de Bacharelato co fin de promover vocacións científicas entre os máis novos e novas. Os docentes dos institutos contarán cunha guía didáctica para que os mozos e mozas poidan levar a cabo diferentes experimentos na aula, traballando, por exemplo, con gafas 3D  que lles permitirán visitar os laboratorios do centro sen necesidade de moverse dos seus centros.

Os días 4 e 9 desenvolverase as actividades de Cinbio na rúa, coa instalación de postos informativos nas cidades de Ourense e Vigo, respectivamente, nos que persoal do centro informará á cidadanía das liñas de investigación e proxectos de 16.30h a 20.30h na rúa do Paseo e na rúa do Príncipe. O 11 de novembro, pola tarde, será o día no que o propio Cinbio abrirá as súas portas no edificio Olimpia Valencia a medio cento de persoas para realizar unha visita guiada, participar en charlas e experimentos en directo. Ademais, o día 13, en horario de mañá, terá lugar unha xincana científica na que os participantes poderán participar nunha carreira de orientación con diferentes probas de temática científica. A programación rematará o día 19 cunha xornada de portas abertas na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense, onde teñen os seus laboratorios dous grupos do Cinbio.

A programación do Cinbio irase cargando neste enlace.

atlanTTic

O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro co obxecto de achegar á sociedade o coñecemento xerado no centro e visibilizar o potencial da institución viguesa para facer fronte a grandes retos globais a través da tecnoloxía. Nesta xornada de portas abertas, o centro de referencia internacional no eido das tecnoloxías de telecomunicación e servizos dixitais ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio presentarán os seus proxectos de referencia e resultados de investigación. 

Coma vén sendo habitual, nesta xornada anual presentaranse algunha das liñas e proxectos de investigación máis representativos en eidos tan diversos como as comunicacións 5G, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a saúde dixital, as tecnoloxías aeroespaciais, etc. 

Ecobas

O centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) tamén se une a esta actividade de promoción da investigación cun programa de actividades que comprende tres eventos. O día 26 de outubro presentarase en Vigo o proxecto Saves (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social); o día 9 e Santiago de Compostela, terá lugar o seminario de seminario de transferencia Libra de Oficio, coa participación da cooperativa Muuhlloa e o día 23, dentro deste mesmo ciclo os protagonistas serán as adegas Martin Codax.