DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ex-alumno Rubearth gañou o premio Mercedes-Benz Fashion Talent no Allianz Ego

Os deseñadores formados en Esdemga brillan na Fashion Week Madrid

Sergio Villlasante presentou unha colección que naceu como TFM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/04/2021

As propostas de oito novos deseñadores e deseñadoras, dous deles formados nas aulas de Esdemga, protagonizaron este domingo a última xornada da 73 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. No Allianz Ego puido verse por primeira vez sobre unha pasarela Zebras in London? Why not?, unha colección que o egresado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Sergio Villasante ideou como traballo de fin de máster. Neste certame dedicado aos novos talentos da moda, o tamén ex-alumno de Esdemga Gabiel Nogueiras presentaba o novo proxecto da súa firma Rubearth, Fat man, que se alzaba co premio Mercedes-Benz Fashion Talent á mellor das coleccións que concorrían á décimo quinta edición do Ego.

“Lévome unha experiencia profesional tremenda”, salienta Villasante da súa participación na pasarela madrileña, na que presentaba unha edición ampliada da colección que o pasado mes de novembro defendía diante do tribunal encargado de avaliar o seu traballo de fin de mestrado. A situación sanitaria impediu entón que este titulado puidese amosar o seu traballo no desfile de Debut, no que Esdemga presenta cada ano os proxectos dos novos egresados e egresadas. Deste xeito, o Allianz Ego constituíu a primeira oportunidade para ver por completo Zebras in London? Why not?, unha colección masculina inspirada na época vitoriana na que este titulado reflexiona sobre os efectos do colonialismo tanto na moda como na sociedade. “A organización foi xenial, o cásting tamén e lévome un feedback moi positivo”, sinala Villasante, que recoñece como “a parte máis divertida de todo o proceso” os traballos previos de preparación do desfile deste domingo. “Foi unha oportunidade moi importante”, salienta este titulado, que destaca os ánimos que lle outorga de cara ao seu futuro profesional ter formado parte dos oito seleccionados e seleccionadas nesta plataforma. “Que recoñezan o teu traballo, e máis nun ámbito como a moda que depende moito do público, é algo moi importante”, engade este deseñador, que recoñece ademais a súa satisfacción polo feito de que o premio á mellor colección fose para un profesional formado tamén en Esdemga.

Inspirada no lanzamento da bomba atómica sobre Xapón en 1945 e na idea do desastre nuclear, a colección Fat man de Rubearth, a firma creada polo ex-alumno Gabriel Nogueiras, foi a seleccionada polo xurado responsable de avaliar os proxectos que concorreron ao Allianz Ego, no que tamén presentaron as súas coleccións Guillermo Décimo, Corsicana, Reparto Studio, Velásquez, Georgiela Studio e Montenegro. 

De Esdemga a Cibeles

Sobre a pasarela da antiga pasarela Cibeles, Villasante presentou unha versión ampliada do seu TFM, unha colección de moda masculina que toma como fonte de inspiración a figura do banqueiro, político e zoólogo inglés Walther Rothschild (1868-1937) e, máis en concreto, o feito de que este “trouxese desde África a Londres unhas cebras que amestrou para que tirasen da súa carruaxe”. A partires deste suceso, Villasante deu forma a un proxecto, que ampliou de nove a 15 estilismos para a súa presentación no Allianz Ego, no que toma a figura do explorador e as prendas que se habitualmente se lle atribúen como “fío conector” dunha reflexión sobre como o colonialismo influíu na moda occidental da época. "O meu obxectivo con esta colección foi desde un primeiro momento fusionar a moda masculina actual coa feminina da época e, a través das combinacións de tecidos, siluetas e estampados, crear algo contemporáneo”, salientaba este deseñador, que levou á pasarela unha serie de propostas nas que blusas de seda, punto de mohair e algodóns mesturábanse con moarés estampados, chalecos de abelorios ou tafetás de nailon.