DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo dos investigadores e irmáns Santiago, Ignacio e Carlos Lago

Os equipos dos países máis descentralizados teñen máis opcións de gañar a Liga de Campións

A descentralización contribúe tamén a que as ligas nacionais sexan máis competitivas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/03/2019

Os equipos de fútbol de países cunha maior descentralización política e económica teñen maiores probabilidades de gañar unha competición internacional como a Liga de Campións que aqueles pertencentes a estados máis centralizados. Esta é a principal conclusión do estudo levado a cabo polos catedráticos da Universidade de Vigo Carlos e Santiago Lago Peñas e o catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Ignacio Lago Peñas, irmáns e investigadores do grupo GEN (Governance and Economics Research). Partindo dunha análise lonxitudinal das ligas de 35 países europeos entre 1950 e 2010 e dos resultados acadados polos clubs dos diferentes países ao longo de 18 tempadas da Champions League a partires do establecemento do seu actual formato na tempada 1992-1993, os investigadores puideron comprobar como a descentralización aumenta o “balance competitivo das ligas domésticas”, o que á súa vez se traduce nunha maior probabilidade de acadar éxitos na máxima competición continental.

Concretamente, os resultados desta investigación, recollidos no artigo Descentralization and Football, publicado na revista norteamericana Social Science Quarterly, sinalan que a probabilidade de gañar a Liga de Campións para un país europeo con maior grao de descentralización política, como sería o caso de Alemaña, é dun 13%, porcentaxe que diminúe ata o 2% no caso dos países máis centralizados. Do mesmo xeito, esta análise sitúa no 23% a probabilidade que teñen os equipos dos países con maior grao de descentralización de chegar á final da Champions e nun 4% a dos clubs dos estados máis centralizados. “Por suposto, no fútbol inflúen outras moitas variables, está o orzamento, a sorte..., pero a descentralización é unha das variables que incrementa ou diminúe a probabilidade de gañar”, sinala Carlos Lago, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra do estudo desenvolveu xunto co catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade e director do grupo GEN, Santiago Lago, e o catedrático do Departamento de Ciencias Políticas e Sociais da Pompeu Fabra Ignacio Lago, co propósito de abordar desde unha óptica interdisciplinar “as complexas relacións entre fútbol, economía e política”.

Ligas máis competitivas

“Neste traballo a pregunta era de que maneira a descentralización territorial dun país afecta ou non aos resultados deportivos dos equipos. A nosa hipótese era que os países onde hai unha descentralización alta, como pode ser o caso de España, esta favorece os éxitos dos equipos no plano internacional”, apunta Carlos Lago. Isto viría motivado, explica, polo apoio dos gobernos, as empresas e as entidades financeiras dunha determinada rexión, que “apostan polos equipos da súa comunidade, porque son á súa bandeira”. Grazas a isto, os equipos disporían de maiores recursos o que ten como consecuencia “unha competencia interna dentro das ligas cada vez máis alta”, que á súa vez traduciríase en que “cando compites internacionalmente, estás mellor preparado, porque o teu campionato nacional é moi esixente e tes rivais moi fortes, polo que cando xogas en Europa non hai unha gran diferencia”, sinala este investigador. “No caso de España, o estado das autonomías provocou que o nivel medio dos equipos subise”, engade Carlos Lago, quen incide así mesmo en como “nos países máis descentralizados os equipos máis importantes non son moitas veces os da capital”, unha situación que se exemplificaría en casos como os do Bayern Munich alemán ou o Milán italiano, gañadores ambos de dúas edicións da Liga de Campións no que vai de século.

Tomando como punto de partida  múltiples variables, que abranguen tamén cuestións como o tamaño e poboación do país ou a renda per capita e deixando fóra de análise os datos pertencentes ás tempadas nos que os países estaban gobernados por ditaduras, o estudo centrouse nese senso en primeiro termo en constatar ese efecto do grao de descentralización nas competicións nacionais. A partires de aí, e situando nos extremos a Alemaña como país europeo máis descentralizado e a Islandia como o que menos, a análise centrouse en determinar esa variación nas probabilidade de acadar o éxito na competición continental.

Unha abordaxe interdisciplinar

Santiago, Ignacio e Carlos Lago Peñas xa abordaran en 2016 as relacións entre fútbol e política nun artigo publicado tamén en Social Science Quarterly, ao que agora dan continuidade con esta nova análise que, como lembra Carlos Lago, continúa movéndose “nun terreo de interacción entre política, economía e fútbol que fai que o traballo sexa moi interesante, porque a resposta non pode provir exclusivamente dun campo de coñecemento”. Nese senso, destaca esa idea de interdisciplinaridade como o principal valor “que nos permite construír modelos explicativos capaces de chegar un pouco máis aló”.