DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito celebrou un curso con este obxectivo

As e os futuros xuristas melloran a súa oratoria

Alumnado do centro traballou nel as súas capacidades de comunicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 04/12/2020

Co obxectivo de traballar co seu alumnado “aspectos claves para unha comunicación eficaz no exercicio da avogacía”, a Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou os días 20 de novembro e 4 de decembro o curso Oratoria xurídica orientada ao exercicio da avogacía. Do medo ao pracer escénico. Nel, arredor dunha vintena de estudantes do centro mellorar as súas habilidades comunicativas de man de Daniel Formoso, avogado en exercicio especialista en oratoria e comunicación con programación neurolingüística e intelixencia emocional pola Escola Europea de Oratoria.

O obxectivo do curso, coordinado por Marta Fernández, decana do centro, e Concepción Martínez, secretaria do mesmo, foi, segundo explicou Daniel Formoso, “fundamentalmente suplir a falta de formación que temos os estudantes de Dereito cando acabamos a carreira e temos que exercer”. A oratoria, subliñou, para un ou unha futura avogada, apunta, “é clave” pero a pesar desta relevancia, engadiu, “cando acabamos a carreira empezamos a exercer a avogacía sen ningún tipo de arma neste sentido e iso lévanos a ter unha inseguridade moi grande que é evitable aprendendo unha serie de técnicas sinxelas”.

Participación moi activa

No curso, comentou Daniel Formoso, as e os asistentes achegáronse a “todo o relativo á práctica que realizamos os avogados no exercicio da avogacía, desde a preparación da demanda ata as técnicas de interrogatorio”. As carencias en oratoria, apuntou o avogado, son xeneralizadas no alumnado pero, apuntou, “o que hai que ter en conta é que o marabilloso do mundo da comunicación e da oratoria é que cunhas técnicas moi sinxelas aumentan de xeito exponencial as túas posibilidades”.

A iniciativa desenvolveuse en dúas sesións nas que o protagonismo foi para a participación activa do alumnado. Na primeira sesión, abordaron a preparación do preito, a demanda e a contestación; o control do espazo; que se debe dicir na alegación; o dominio do corpo e o da voz e a exposición da alegación. A segunda sesión centrouse na comunicación eficaz en sala; a planificación do interrogatorio; as testemuñas; o interrogatorio da testemuña propia; o interrogatorio da parte contraria; o interrogatorio de peritos; a práctica do interrogatorio e contrainterrogatorio e o perfeccionamento da exposición da alegación.

Sobre os resultados acadados, Daniel Formoso destacou a boa resposta do alumnado, a súa elevada participación nas actividades e “o seu enorme potencial”. Así, indicou, “desde o primeiro día e ata hoxe houbo un cambio brutal” nas capacidades comunicativa das e dos estudantes participantes. “Ao principio estaban moito máis nerviosos, con máis inseguridades, moito máis indecisos e remataron moito máis soltos e con seguridade e efectividade á hora de facer alegatos, interrogatorios, etc”.