DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias organizou unhas xornadas sobre esta temática

Os insectos, unha potencial fonte de proteínas para humanos e animais

No marco da busca de solucións sostibles ao incremento da poboación e a súa demanda de alimentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 28/05/2021

Baixo o título Alimentación do futuro. Insectos, nutritivos e sostibles. Atréveste?, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebrou este venres, a través do Campus Remoto da UVigo, unha xornada centrada no potencial dos insectos como fonte de proteínas para o ser humano ou para outro animais.

Sidonia Martínez, vicedecana da Facultade de Ciencias, explicou como “os principais obxectivos desta xornada foron dar a coñecer os aspectos máis importantes relacionados coas granxas de insectos, a súa contribución a mundo máis sostible, os diferentes usos desta materia prima e a normativa e a autorización para o seu uso”. O interese en abordar esta temática xurdiu, tal e como indicou, tendo en conta como neste centro se forman estudantes en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais, eidos cun papel relevante neste campo.

“O elevado crecemento demográfico fai que medre a demanda de alimentos. Para solucionar os problemas de desabastecemento na poboación e conseguilo de forma sostible hai que introducir unha serie de cambios na produción e a alimentación”, comentou Sidonia Martínez. A isto se engade que “o consumidor actual demanda alimentos naturais, ricos en proteínas, minimamente procesados, con ingredientes reais que sexan saudables e nutritivos, respectuosos co medio ambiente e sustentables”. Neste marco, os insectos “son moito máis eficientes que calquera outra especie á hora de converter produtos vexetais en proteína animal, pero ademais empregan menos recursos, producen menos emisións contaminantes, xeran un número máis reducido de residuos e son máis económicos. Por iso se prevé que sexa un dos alimentos do futuro”.

Diferentes visións

A xornada arrancou cunha presentación de César Fernández, director comercial de Bioflytech SL, unha empresa que se dedica á produción de proteína animal transformada con orixe en insectos, sobre os insectos como "unha nova gandería". Seguiulle unha conferencia de Fernando Rogelio García, da Universidad de Almería, sobre sostibilidade, valoración nutritiva e potencial deste produto como novo alimento en acuicultura. A actividade tamén contou coas intervencións de Rafael Guallar, de Entomafoods, que falou sobre o novo mercado agroalimentario dos insectos comestibles. Por último, pechou a programación Laura Beatriz Herrero, da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición, que se achegou aos novos alimentos, normativa e autorización. Nas súas intervencións, as e os relatores abordaron a temática elixida desde diferentes perspectivas, desde a empresarial e a académica ata a normativa, incidindo no potencial de futuro deste mercado tendo en conta o elevado incremento poboacional no mundo, principalmente de carácter urbano, e a súa crecente demanda de alimentos.