DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación arranca o 16 de outubro cun percorrido polo Concello do Pereiro de Aguiar

Os muíños do río Loña, primeiro destino das rutas culturais

O número de prazas dispoñibles para os tres campus é de 80

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 13/10/2021

As rutas culturais da Universidade de Vigo arrancan a súa programación do curso 2021/2022 este sábado 16 de outubro cunha andaina polos muíños do río Loña, no Concello de Pereiro de Aguiar, ao carón da cidade de Ourense. Con ela, a Área de Benestar, Saúde e Deporte retoma unha actividade, parada co inicio da pandemia, que ten como obxectivo fomentar o hábito de camiñar entre a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral.

A Ruta dos Muíños do Río Loña é un percorrido de dificultade baixa e 17 quilómetros de distancia que arrancará e rematará no encoro de Cachamuíña e que pasará por Santa Marta de Moreiras, Loñoá e monte da Chaira. O itinerario, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense, destaca pola beleza da paisaxe, polo interese do conxunto etnográfico de muíños que se poden ver e polo ben acondicionado que está o percorrido. Segundo indican desde a organización, as previsións apuntan a que haberá “un día fantástico para a práctica do sendeirismo, con sol e nubes pero sen precipitacións”, algo que, unido á facilidade do percorrido, agardan que axude ás e aos participantes a volver a gozar das andainas culturais. 

Como en anteriores edicións, haberá autobuses que trasladarán ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo ao inicio de ruta. O desenvolvemento da andaina, cuxo prezo varía en función do colectivo de pertenza, atenderá ao protocolo de prevención da covid-19 en vixencia. De acordo con esta normativa, fíxase un máximo de prazas de 40 persoas para os campus de Vigo-Pontevedra e outras 40 prazas para o campus de Ourense (total 80 persoas), dividíndose en grupos de 20 persoas por monitor/monitora durante o desenvolvemento da andaina.

Máis programación

Este percorrido será o primeiro dos catro que se celebrarán este cuadrimestre no marco das rutas culturais da UVigo. A segunda andaina será o 6 de novembro polas fragas do río Barragán, en Pazos de Borbén (Pontevedra). De dificultade baixa-media e 18 quilómetros de distancia, as e os participantes, indican desde a organización, poderán camiñar por “unha paisaxe de ribeira ideal para percorrer no outono”. O itinerario comezará e rematará en As Raposeiras e pasará por Freaza, monte da Cidade, fraga do Rei e As Lombas. O 20 de novembro celebrarase a terceira das rutas culturais, que se achegará á Illa de Arousa (Pontevedra). Con 20 quilómetros de distancia e dificultade baixa-media, será, indican desde a organización, “un percorrido circular arredor da Illa de Arousa; unha oportunidade única para descubrir o complexo intermareal Punta de Carreirón, as súas praias e espazos naturais. Pero tamén a ocasión perfecta para visitar aldeas mariñeiras onde comprobar a convivencia harmónica secular do ser humano co medio”.

Por último, a programación deste primeiro cuadrimestre pecharase o 11 de decembro cunha andaina que leva por título Ermida de San Mamede-Pozo dos Mouros (Vilar de Barrio, Ourense). Cunha distancia de 15 quilómetros e unha dificultade media, desde a organización dos roteiros indican que é “unha das rutas de montaña máis fermosas que a día de hoxe poden facerse na serra de San Mamede, combinando as paisaxes de ribeira e prado no fondo do val, cos amplos horizontes e inigualables panorámicas do alto da montaña”. O itinerario que seguirán as e os participantes será Rebordechao, Pozo dos Mouros, capela de San Mamede e Rebordechao.