DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En ‘Univisión’ avaliaron as cancións e coreografías do alumnado do Grao en Educación Infantil 

Os nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I convértense no campus no xurado dun concurso musical

Na súa primeira edición presencial, o premio foi para Candela Rodríguez e Lucía Rodal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/05/2022

Un total de 73 alumnos e alumnas do CEIP A Xunqueira I achegáronse na mañá deste mércores ata o salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal para exercer como xurados de Univisión, unha actividade que emula o formato dun concurso de talentos, no que nenos e nenas puntúan unha serie de vídeos nos que estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte interpretan diferentes cancións en inglés. Promovido pola profesora deste centro Inés Lareo e pola docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, trátase dunha actividade que chegou nesta xornada á súa cuarta edición e que, por primeira vez, puido celebrar a súa “gala final” de xeito presencial. Despois de que os nenos e nenas fixeran públicas as puntuacións acadadas polos diferentes vídeos finalistas, Univisión completouse coa entrega dun trofeo ás alumnas gañadoras deste concurso, Candela Rodríguez e Lucía Rodal.

Realizado por primeira vez en 2020, a primeira edición presencial desta actividade contou tamén co maior xurado infantil ata a data, un total de 73 nenos e nenas, pertencentes a catro aulas de primeiro e cuarto curso de primaria do CEIP A Xunqueira I. Aínda que o nome das gañadoras non se coñeceu ata o peche da gala, os nenos e nenas participantes xa avaliaran previamente nas súas aulas os 40 vídeos que realizaron para esta actividade preto de 70 alumnas e alumnos da materia Idioma estranxeiro: inglés. Como explica Lareo, as puntuacións que ían outorgando aos diferentes vídeos non se centraron en quen cantaba mellor ou peor, senón que os escolares debían ter en conta múltiples elementos, desde as coreografías e o vestiario, ata “os efectos técnicos e o entusiasmo”, así como a integración das pezas da lingua de signos, por contar no xurado cunha estudante con problemas auditivos. 

As puntuacións outorgadas, como explicou Lareo, “en votacións segredas”, determinaron a selección dos dez vídeos finalistas que se proxectaron este mércores, tras os que os nenos e nenas ían facendo pública a puntuación outorgada a cada un. “Foi algo moi disputado, que tivemos que discutir nas clases, xa que había diferentes criterios e moitas opinións”, recoñecía Quinteiro neste acto, que se pechou coa entrega do trofeo de gañadoras a Candela Rodríguez e Lucía Rodal pola súa interpretación da canción The Family Madrigal, da película de animación Encanto. Así mesmo, tamén se entregou un agasallo ao segundo vídeo con maior puntuación, realizado por Laura Cereijo e Lucía Deaño.