DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade sobre este instrumento é a primeira en impartirse este cuadrimestre

Os obradoiros de extensión universitaria inician a súa programación a ritmo de gaita

A inscrición nas demais propostas está aberta ata esgotamento de prazas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 15/02/2019

A programación de obradoiros de extensión universitaria que celebra este cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense arranca a súa programación e faino ao son da música tradicional. O Obradoiro de Gaita Galega iniciou esta semana a súa actividade e fíxoo cun grupo consolidado de participantes procedentes tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. “É unha iniciativa excelente que dende o campus se oferte esta actividade onde a xente pode achegarse, coñecer ou perfeccionar os coñecementos deste instrumento da cultura galega”, comenta o gaiteiro ourensán Gonzalo Abelairas, encargado de  impartir a formación.

Iniciación e perfeccionamento

O obradoiro, que se celebra cada xoves de 19.00 a 22.00 h no Pavillón de Estudantes do campus, consta de 30 horas de formación e dez prazas. “A xente está respondendo moi ben neste obradoiro. Moita repite nos dous cuadrimestres e incluso parte do alumnado xa leva varios anos con nós e teñen este obradoiro como o seu lugar para ir a clases”, comenta Gonzalo Abelairas. A actividade celébrase por quinto curso académico consecutivo, sendo unha das opcións, xunto ás aulas de teatro, máis consolidadas na programación cultural cuadrimestral do campus de Ourense.

Nesta edición, sinala Abelairas, “os contidos son os mesmos que en anos anteriores”. Así, o programa inclúe nocións de música tradicional, técnicas de gaita, tipos de dixitalización, estudo do repertorio, afinación, ornamentación e percusión e combos instrumentais tradicionais. Estes contidos, matiza o profesor do curso, están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento. “Temos os dous perfís, tanto persoas que veñen sen coñecementos previos como o contrario, persoas que veñen a mellorar e ampliar o que xa saben”, apunta Abelairas. Para atender a estes públicos diferentes, o curso conta cunha parte de formación común, na que os dous niveis se xuntan para coñecer temas como a preparación do instrumento, a dixitación, o repertorio ou nocións básicas de percusión, e logo se dividen en dous grupos en función do seu grao de coñecementos.

Da experiencia de edicións anteriores deste obradoiro, o seu responsable sinala como “o que máis custa é empezar, perder o medo a tocar”. Superada esa fase, comenta Abelairas, as e os inscritos sácanlle moito proveito ás sesións que, recalca, se desenvolven nun ambiente moi bo de traballo. Mostra dos bos resultados acadados, apunta como ao remate do obradoiro as e os participantes xa se atreven a tocar algunha peza para familiares e amigos e incluso o curso pasado alumnado deste obradoiro formou un pequeno grupo chamado Fol de Ferro para participar en foliadas e festas, collendo o seu nome do Edificio de Ferro do campus onde nalgunhas ocasións se teñen desenvolvido as clases do obradoiro.

Máis opcións

Tras o arranque deste curso a programación de obradoiros deste cuadrimestre irase pondo en marcha paulatinamente. En total ofértanse sete propostas con 120 prazas, estando a matrícula en liña aberta ata esgotamento de prazas e sendo o prezo máis habitual de matrícula de 40 euros para o público xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria. Entre as opcións a elixir hai obradoiros sobre teatro, observación astronómica, sexualidade, viño, mindfulness e edición con Photoshop.