DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgáronse catro distincións a traballos fin de grao e dúas a traballos fin de mestrado

Os premios Egeria poñen en valor os traballos que reivindican a perspectiva de xénero en todos os eidos do coñecemento

Claudia Pineda e Rebeca López, dúas das galardoadas, debullan os seus proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 17/01/2023

Unha pescuda no arquivo familiar para reescribir a xenealoxía feminina ou un dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato son dous dos traballos gañadores da novena edición dos Premios Egeria. En total, estes galardóns que convoca a Unidade de Igualdade co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación, distinguiron a seis alumnas da Universidade de Vigo polos seus traballos fin de grao e fin de mestrado nas diferentes ramas do coñecemento. En total repártense 3300 euros entre os catro mellores TFG (500€ cada un) e os dous mellores TFM (600€).

No que se refire aos traballos fin de grao, o xurado decidiu premiar no eido das ciencias sociais e xurídicas a Lorena Reboredo Rivas pola súa investigación sobre a violencia vicaria e a instrumentalización de fillos e fillas para danar ás nais. No eido das ciencias da saúde e rama enxeñaría e arquitectura o premio foi para un traballo titulado Retraso na reperfusión coronaria en pacientes con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST: unha cuestión de xénero. No ámbito da artes e as humanidades concedéronse dous premios, un para Claudia Pineda Mesquida, por Mulleres errantes. Reescribindo a miña xenealoxía feminina a través do álbum de viaxe familiar, e outro para María Belén Álvarez Mosquera, por Comentario e proposta de tradución ao galego de La mujer de su casa e La educación de la mujer de Concepción Arenal.

No que atinxe aos traballos fin de mestrado, no eido das ciencias sociais e xurídicas, o premio Egeria foi para Rebeca López Villar, que presentou unha proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, mentres que o ámbito das artes e as humanidades a galardoada foi Lidia López-Briñas Pérez-Vico, que se centrou na análise do uso da linguaxe non sexista nunha Resolución de Nacións Unidas e a súa tradución ao español. 

Reescribindo o arquivo familiar 

O traballo de Claudia Pineda, egresada de Belas Artes, presenta un percorrido polo espazo e a memoria “a través dunha instalación composta por fragmentos íntimos da miña familia” a través de fotografías, postais, cartas, etc. sobre un vello biombo e dunha videoproxección de súa avoa salvadoreña. O que busca con esta proposta é, explica, “comunicar a través do legado familiar a tensión entre o recordo, o esquecemento, a viaxe e o feito de ser muller”. 

A necesidade de rebuscar e organizar todas estas pezas pertencentes ao seu arquivo familiar xurdiu, como ela mesma relata, “da necesidade de atopar un sentido á miña identidade feminina multicultural e interxeracional, a través dunha reinterpretación de aqueles recordos que atesouraron as mulleres errantes da miña familia”. Todo este proceso permitiulle “explorar a través de imaxes e testemuños, as liberdades e limitacións da muller que viaxa” e tamén lle serviu para afrontar situacións interpersoais que “non só enriqueceron o meu traballo plástico, senón que me permitiron estreitar vínculos, pechar ciclos e entenderme mellor”. De feito, esta non é a primeira vez que a artista se achega a este tipo de temáticas, xa que como relata, hai arredor de catro anos que a maioría dos seus proxectos están “ligados á miña identidade, indagando no meu propio arquivo e resolvendo conflitos do pasado”. 

Aínda que esta non é a primeira vez que o seu traballo é merecedor dun premio, recoñece que este é “moi significativo” porque precisamente leva o nome de Egeria, “unha das primeiras mulleres viaxeiras da historia, un referente á hora de romper mitos sobre a muller que viaxa, tal e como intento amosar en parte do meu traballo”. Ademais, o feito de que se trate dunha convocatoria que recoñece a inclusión da perspectiva de xénero, engade, “enorgulléceme e faime especial ilusión, posto que é unha temática pola que sempre vou a estar loitando”. Agora faino dende Baleares, onde traballa no Consell Insular de Formentera como dinamizadora sociocultural, creando proxectos colaborativos artísticos e fomentando a participación sociocultural. 

Un dicionario feminista de termos cinematográficos 

Outras das premiadas nesta convocatoria dos Premios Egeria é Rebeca López Villar, polo seu traballo final do mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. A súa proposta consiste nun recurso didáctico, en concreto un dicionario, elaborado con perspectiva de xénero e destinado ao profesorado de cultura audiovisual. 

O traballo baseouse na lei educativa anterior, xa que no momento de elaboración aínda non estaba publicado o currículo da LOMLOE, e o seu obxectivo é “facilitar a incorporación de referencias femininas na docencia desta materia de bacharelato, xa que comprobei que o currículo educativo non rexistraba o traballo das mulleres no eido cinematográfico e que non respectaba a linguaxe inclusiva”. Por exemplo, relata López Villar, “non existía ningunha alusión nominal explícita a unha muller cineasta” e aínda que cada docente pode adaptar os contidos expoñendo nomes de muller, “falar de mulleres creadoras non debería ser opcional, e a única forma de aseguralo é regulalo a través dos textos lexislativos”. 

A súa resposta ante esta situación foi un recurso didáctico que paliase estas ausencias en cuestións de igualdade. Para a súa elaboración seleccionou no currículo 33 termos cinematográficos, como banda sonora, cámara lenta, cine mudo, contraplano, curtametraxe, ou filme, entre outros. “Con todas estas palabras construín un prototipo de dicionario, un caderno escrito en galego, con 64 páxinas A5 distribuídas en 33 pregos. Cada prego inclúe a descrición breve dun termo cinematográfico, ilustracións, alusións á presenza da muller nese eido e referencias bibliográficas”. 

Para a autora, esta non é a súa primeira aproximación á temática feminista e, de feito, a súa tese de doutoramento tamén se centrou nas mulleres no audiovisual. De feito, para este proxecto decidiu aproveitar parte da bibliografía e dos datos obtidos naquela investigación.