DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación da directora Sonia Méndez e as produtoras Chelo Loureiro e Sara Horta

Os Premios Feroz achegan á Facultade de Comunicación un debate sobre a representatividade da muller na industria audiovisual

O centro é tamén sede dun ciclo de cinema con perspectiva feminista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cine
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/11/2024

Alén da participación de 65 alumnos e alumnas nos preparativos e organización dos Premios Feroz, ao abeiro dun convenio para a realización de prácticas entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), a Facultade de Comunicación é nestes meses un dos puntos centrais da programación previa á celebración desta gala en Pontevedra. No marco das iniciativas promovidas por AICE e o Concello, o centro acolleu nesta xornada un debate sobre a representatividade da muller na industria audiovisual, promovido coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). Baixo o título de Mulleres que contan, este coloquio contou coa participación da cineasta Sonia Méndez, directora de As Neves; da produtora Sara Horta, de Indígena Films; e da tamén produtora Chelo Loureiro, de Abano Films, que nas últimas horas acadaba dous nomeamentos aos Premios do Cine Europeo polo filme de animación El sueño de la sultana, dirixido por Isabel Herrera. Moderada pola xerente de Agapi, Uxía Caride, e presentada pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, esta mesa permitiu tanto trazar unha análise dos datos sobre a presenza de mulleres en postos de responsabilidade nesta industria, como afondar nas novas formas de contar e coñecer a visión das directoras e produtoras no actual escenario do sector.

Desta programación previa forma parte tamén o Ciclo Perspectiva Feminista, centrado en analizar unha serie de títulos de referencia da historia do cinema español desde unha perspectiva feminista, que ten tamén como sede a Facultade de Comunicación. A programación arranca na tarde deste mércores co filme Lucía y el sexo e comprende tres novas citas nas próximas semanas. Concretamente, este venres 8 poderá verse Cría cuervos, de Carlos Saura, mentres que o día 15 proxectarase Jamón, jamón, de Bigas Luna, e o 21 de novembro, Amanece, que no es poco, de José Luis Cuerda.