DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos galardóns ás obra de divulgación e de ensaio e investigación

Os premios Follas Novas recoñecen o labor das investigadoras da UVigo a prol da visibilización das mulleres ao longo da historia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Eido
  • HR
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
Mº del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/05/2026

Organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, os premios Follas Novas galardoaron na súa edición 2026 dúas obras de investigadoras da UVigo, que aínda que centradas en épocas históricas diferentes, a prehistoria e a historia antiga, unha delas, e na historia moderna, a outra, coinciden no seu carácter reivindicativo do papel das mulleres neses períodos. Na categoría Premio á obra de divulgación Follas Novas 2026 o galardón foi para a obra coral de oito investigadoras Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?; mentres que no apartado de obra de ensaio e investigación o traballo da doutoranda da UVigo Alba Rodríguez Saavedra, Ruth Matilda Anderson.Tradutora das marxes, editada por Laiovento, foi o que acadou o recoñecemento de escritores, editores e librarías de Galicia.

Froito da colaboración, entre a UVigo e a Editorial Galaxia, que o publicou ao abeiro da súa colección Feminismos, Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? recompila os traballos de oito investigadoras relacionadas coa institución académica viguesa, co obxectivo de contribuír a restaurar o papel das mulleres revisitando a historia. “Para as investigadoras que participamos neste volume, a entrega deste premio é moi importante. Precisamente, polo eido en que se consegue, que é a divulgación no ámbito humanístico, e en concreto a historia, que parece, aparentemente, que a pode facer case todo o mundo”, explica a catedrática do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo Susana Reboreda Morillo, coordinadora do volume e autora dun dos seus capítulos. Neste sentido, Reboreda reivindica o papel e a formación das historiadoras “que temos un título, unha metodoloxía e sabemos que fontes utilizar para contrastar a información”. 

Xunto á achega da coordinadora, o volume premiado, centrado na prehistoria e na historia antigua, é obra de Claudia Alonso Moreno, María José Bravo Bosch, Andrea Mouriño Schick, Beatriz Comendador Rey, María Eugenia Múñoz Fernández, Alba Antía Rodríguez Nóvoa e Patricia Valle Abad.

Unha reivindicación de Ruth Matilda Anderson

Ruth Matilda Anderson.Tradutora das marxes, editada por Laiovento, recoñecida co premio Follas Novas á obra de ensaio e investigación, afonda nas razóns polas que a obra da estadounidense non estivo presente nos rexistros do sistema cultural galego ata finais do século XX. Na súa obra a doutoranda do programa internacional de Tradución e Paratradución da UVigo, Alba Rodríguez demostra que Anderson foi a mellor tradutora de Rosalía de Castro o par galego-inglés ata 1964, con sete poemas versionados, e explicita os distintos mecanismos, que desde 1939 operaron para relegar do sistema a monografía de Anderson sobre Galicia, Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña.

O Follas Novas non é o primeiro galardón que gaña Alba Rodríguez, que co seu traballo A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas. Elas, as elididas, a través de Ruth Matilda Anderson acadaba en 2023 o Premio Enxeñeiro Comerma do Concello de Ferrol ex aequo. Unha traxectoria académica enfocada na autora estadounidense que Alba Rodríguez iniciou en 2021 coa publicación do artigo De Rosalía de Castro a Ruth Matilda Anderson. Feminismo e paratradución na revista Viceversa. Revista galega de tradución.

A divulgación das humanidades tamén existe

Punto de araña de Nerea Pallares, como obra narrativa; Guía ilustrada do Entroido Galego de Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol premida como libro de banda deseñada; O Peculiar de Érica Esmorís, como obra infantil; ou A panadería de Lucía Belarte e David Lorenzo, na categoría de libro ilustrado, foron outras obras premiadas na gala do libro galego, celebrada no Teatro Principal de Santiago. Pola súa banda, os premios de honra desta edición recaeron na libraría coruñesa Moito Conto, na editorial Galaxia e no escritor palestino Basim Al-Khandaqji.

Reboreda que agradece o galardón recibido, destaca sobre o volume premiado que coordina, na invisibilización que sofren as mulleres a través da historia. “Canto máis atrás imos, máis silenciadas están, entón, pareceunos fundamental, dentro do convenio que hai entra a Unidade de Igualdade da UVigo e Galaxia, que haxa un apartado dedicado á historia das mulleres e que dediquemos ese volume ás mulleres máis pretéritas”.

Nun mundo no que, a coordinadora do volume considera que semella que o brilla é a tecnoloxía e as ciencias, Reboreda destaca o relevo de que se premie a divulgación no ámbito humanístico. “Sen humanidades non existiría o mundo, por iso é tan importante saber o que sucedeu no pasado e é moi importante que esa divulgación en humanidades saia tamén da academia, porque hai que ter os recursos, a metodoloxía, saber ir ás fontes e iso hai que transmitilo ao conxunto da sociedade”, reivindica a catedrática da UVigo.