DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns foron entregados este martes na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Os Premios José Manuel Pérez Canal distinguen traballos sobre economía do ben común e RSC en cadeas hoteleiras

O acto contou tamén cunha conferencia da directora xeral de The&Partnership en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 16/11/2021

Dous traballos sobre a economía do ben común como estratexia empresarial e a responsabilidade social corporativa das principais cadeas hoteleiras españolas foron os gañadores dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021 entregados este martes no campus de Ourense. Os galardóns, organizados pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, distinguen cada curso académico os mellores traballos fin de grao presentados por alumnado dos diferentes graos que se imparten na facultade ourensá.

Os premios foron entregados por Mª Montserrat Cruz, decana de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da UVigo, e Marisol Novoa, presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense. Nas súas intervencións lembrouse con afecto a figura de José Manuel Pérez Canal, quen foi presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, e como estes premios levan o seu nome en homenaxe á súa calidade humana e profesional. Tamén se subliñou que estes galardóns xorden no marco da colaboración entre a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense e co apoio de diferentes institucións ourensás e a calidade dos traballos presentados, que teñen que ter unha nota mínima de 9 sobre 10 para concorrer.

O acto, ao que asistiron membros da comunidade universitaria e das entidades que apoian os premios e familiares de José Manuel Pérez Canal, comezou cunha conferencia da ourensá María Álvarez, directora xeral de The&Partnership España, empresa de publicidade do grupo WPP, “o grupo de comunicación máis grande do mundo”. Na súa intervención explicou a grande transformación do mundo da comunicación e a publicidade na pandemia e a postpandemia. “Antes, as marcas pensaban en ensinar os seus produtos, en falar das súas bondades, e coa pandemia déronse conta de que tiñan que falar coa sociedade, estar máis preto da xente”, indicou a relatora antes da súa intervención. A publicidade, recalcou, “non deixa de ser un reflexo da sociedade”, e polo tanto, afirmou, “ten que acompañala”, saber o que quere pero tamén o que sinte o consumidor. Ao longo da súa conferencia explicou apoiada en exemplos como se materializou esa transformación que supuxo ao sector publicitario “facer nun ano o que íamos facer en dez” debido á dixitalización das compañías e do mercado, ás novas formas de consumo e á existencia dun consumidor máis comprometido e esixente. Neste rápido e constante cambio que vive o mundo, a relatora María Álvarez aconselloulle ao alumnado presente no acto que “que vaian a por todas” apostando polo esforzo, a formación permanente e “sobre todo sendo boas persoas”.

Traballos de ADE

Na categoría de Grao de Administración e Dirección de Empresas, o primeiro premio dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021 foi para o TFG Economía do ben común como estratexia empresarial, do alumno Adrián López e titorizado por Diego Rodríguez-Toubes. Nel, abórdanse os principios do modelo de economía do ben común, “modelo  proposto  polo austríaco Christian Felber, que propón unha nova economía baseada na cooperación e nos valores que fan prosperar as relacións humanas, tales como dignidade humana, solidariedade, sostibilidade ecolóxica, xustiza social e democracia”. Para coñecer e entender o funcionamento destes  novos indicadores, o autor do traballo analizou o balance do ben común dunha empresa, Cartonajes La Plana, e realizou unha pequena análise comparativa cos clásicos indicadores financeiros, “co que se demostra a viabilidade da implantación do modelo economía do ben común”. O contexto económico e social actual, comenta Adrián López no seu traballo, “dificulta a implantación deste modelo por si só, pero unha vía intermedia na que progresivamente se incorporan os seus criterios na economía pode garantir a viabilidade da súa implantación no futuro”.

Nesta modalidade concedeuse tamén un accésit a Adrián Ordóñez polo seu traballo O impacto da revolución tecnolóxica e a automatización do emprego en España: desafío e adaptación, titorizado por Alberto Vaquero e Santiago Lago, e outro accésit a Álvaro Sotelo polo estudo A fiscalidade como ferramenta de política económica na nova normalidade, titorizado tamén por Alberto Vaquero.

Traballos de Turismo

Na categoría de Turismo, o primeiro premio foi para o TFG Responsabilidade social corporativa (RSC) das principais cadeas hoteleiras españolas a través da análise comparativa do seu desempeño ambiental, de Nuria Gil e titorizado por María Montserrat Cruz. Dentro do sector turístico, explica a autora no traballo, a RSC “ocupa un papel fundamental debido aos impactos ambientais negativos que a industria hoteleira pode ocasionar nos destinos nos que opera”. No seu TFG, sinala, “alén de  amosar a evolución da RSC ao longo do tempo, estudanse as diferentes definicións que foi adquirindo e a súa transición cara o desenvolvemento sostible; expóñense os códigos éticos e principios de implantación da RSC aplicables á industria hoteleira así como os índices de sostibilidade e certificacións ambientais máis destacadas”. Tamén inclúe un estudo comparativo do desempeño ambiental das cinco cadeas hoteleiras españolas máis importantes realizado a través da metodoloxía de investigación do estudo de casos baseado na análise documental dos seus informes de RSC e a súa información pública.

Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Importancia do márketing dixital no sector turístico, de Marta Vázquez e titorizado pola profesora María Elisa Alén.