Xulia Vicente acadou o galardón de prata na categoría dedicada ás e aos novos talentos
Os Premios Nacionais de Creatividade distinguen o talento que se forma na Facultade de Comunicación
Nun certame ao que concorreron preto de 200 candidaturas
A estudante da Facultade de Comunicación Xulia Vicente alzábase este venres co premio de prata no certame para novas e novos talentos dos Premios Nacionais da Creatividade, categoría á que concorreron preto de 200 proxectos. A alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas recollía o seu galardón no marco dos actos que o Club de Creatividad, entidade organizadora destes premios, promove este venres e sábado en Donostia (San Sebastián). O traballo de Vicente fora un dos seis seleccionados como finalistas da categoría Jóvenes Creativos, na que as e os participantes debían deseñar unha acción de comunicación para Mahou. Ás e os seus autores participaban este venres no Palacio de Congresos Kursaal no acto de entrega dos tres premios outorgados por un xurado integrado por oito das e dos responsables dos Premios Nacionais da Creatividade 2025, nos que se distinguen os principais traballos publicitarios do ano en España, así como por un representante de Mahou.
O premio de ouro desta categoría foi para o proxecto Leyendas del fútbol, de Marta Landa e Matxalen Múñoz, da escola Aula Creativa; mentres que Vicente logrou a prata grazas a La cantera de Mahou, e o terceiro premio foi para os estudantes de The Atomic Garden Jesús Gómez e Andrés María García. Tanto os seus proxectos como as outras tres propostas finalistas formarán parte do Anuario de la Creatividad Española, no que a entidade promotora destes galardóns reúne os mellores anuncios do ano.
Conectar os estadios coas e cos deportistas máis novos
Preto de 200 candidaturas concorreron neste 2025 a este certame para novas e novos creativos, no que as e os participantes debían da resposta ao briefing proposto por Mahou, no que lles trasladaba o reto de deseñar unha acción comunicativa que contribuíse a posicionar esta marca “como líder na activación do patrocinio deportivo en España”, a través de “ideas de accións innovadoras que aproveiten estratexicamente os descansos durante os partidos de fútbol profesional”.
Partindo desta proposta, Vicente deseñou unha acción que tiña como punto de partida o feito de que en España existen “milleiros de xogadores e xogadoras de fútbol, novos e novas”, cuxos partidos nunca van ser retransmitidos diante dunha audiencia comparables aos “milleiros de persoas” que cada fin de semana congregan nos estadios os partidos da máxima categoría. De aí que a súa idea se centrase en aproveitar os descansos dos encontros para “dar visibilidade” a eses xogadores e xogadoras novos. Concretamente, a súa proposta baseábase, explica, en que as e os novos deportistas puidesen subir “vídeos das súas mellores xogadas á web de Mahou”, para que logo “os máis destacados” puidesen ser retransmitidos “nos descansos de todos os partidos da última xornada da liga”. Isto permitiríalles, lembra, “chegar a ter unha audiencia de máis de 100.000 persoas”, conformada ademais por “amantes do fútbol”, deportistas ou adestradores e adestradoras.