DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 centros certificados como Escolas Azuis participaron nun encontro en Redeiras

Os Premios Nereida recoñecen en Vigo os mellores proxectos de alfabetización oceánica desenvolvidos nos centros educativos galegos

O CEIP Espiñeira de Aldán acadou o primeiro premio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 11/06/2026

O profesorado dos 25 centros educativos galegos que obtiveron este ano a certificación como Escola Azul participou esta mañá nun encontro organizado pola Rede Galega de Escolas Azuis no marco do proxecto Nereida. A rede, coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, integra tamén a Autoridade Portuaria de Vigo, Fundamar, a Fundación Cetmar, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e as empresas 13grados, North Wind e Arenaria Coordinación. A xornada serviu para compartir experiencias, presentar os proxectos desenvolvidos durante o curso e recoñecer as iniciativas máis destacadas a través da entrega dos Premios Nereida.

O primeiro premio recaeu no CEIP Espiñeira de Aldán polo proxecto From the Sea is Born the Blue of Life. O galardón foi entregado polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, quen felicitou ao profesorado polo seu traballo e animou aos centros educativos a continuar impulsando iniciativas deste tipo. “Temos que seguir achegando o océano aos máis pequenos para que coñezan o seu potencial e comprendan a importancia de protexelo”, afirmou.

O segundo premio foi entregado por Rosa Chapela, directora da Fundación Cetmar, ao proxecto O mar do CEIP Zalaeta. O terceiro premio foi para o Colexio Plurilingüe Alba polo traballo Aqua: From River to Ocean, galardón entregado por María Caldeiro, xerente de Fundamar. Ademais, o Colexio Amor de Dios recibiu o cuarto premio polo proxecto Blue Link. O xurado tamén concedeu seis accésits aos proxectos Ti si que sabes a mar, do CEIP Huberto Juanes; El pulpo, un misterio en diez preguntas, do Colexio Divino Salvador; A School Open to the Sea, do CEIP Carrasqueira; SOS, salvemos la ría, do Colexio Labor; Mergullándonos no azul, do CEP Carreira; e Blue Heroes, do CEIP Sabarís.

Incorporando a cultura oceánica aos proxectos educativos

O encontro, celebrado este xoves no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, reuniu docentes procedentes de toda Galicia que traballaron ao longo do último ano na promoción da alfabetización oceánica entre o alumnado. Os participantes visitaron o posto da Rede Galega de Escolas Azuis na feira Portocultura e realizaron unha visita guiada ao visor submarino Nautilus e ao buque histórico Hidria Segundo, no Porto de Vigo. Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento do porto pesqueiro a través dunha visita guiada, reforzando así o contacto directo co sector marítimo e pesqueiro galego.

Durante a xornada, o investigador do CIM e coordinador da Rede Galega de Escolas Azuis, Andreu Blanco, destacou o importante crecemento da iniciativa nos últimos anos. Segundo explicou, grazas ao proxecto Nereida, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), entre 2025 e 2026 certificáronse 25 novos centros educativos galegos como Escolas Azuis. Ademais, existen actualmente 14 solicitudes de certificación en proceso de avaliación por parte da Unión Europea.

Blanco salientou que estes datos evidencian o crecente interese dos centros educativos por incorporar a cultura oceánica aos seus proxectos educativos e por converter o océano nun eixo vertebrador da aprendizaxe. “Estamos vendo como cada vez máis centros entenden que o océano pode ser unha ferramenta educativa transversal para traballar a sostibilidade, a ciencia e a conexión co territorio”, destacou.