O Pazo Provincial acolleu o acto de entrega da oitava edicións destes galardóns
Os Premios Sofía Novoa recoñecen o “compromiso coa igualdade” de catro tituladas do campus
Foron distinguidas Carmen Caeiro, Luisa Silvela, Cristina Pérez e Raquel Álvarez
Promovidos pola Deputación de Pontevedra e dirixidos a recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado defendidos na Universidade de Vigo, o Pazo Provincial acolleu na tarde deste xoves o acto de entrega dos Premios Sofía Novoa Ortiz, que nesta ocasión distinguiron os proxectos desenvolvidos por catro tituladas do campus pontevedrés. No categoría de traballos de fin de grao (TFG) foron premiados os proxectos Introdución da Axenda 2030 con perspectiva de xénero na Educación Primaria. A asemblea como recurso, da egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carmen Caeiro, e O corpo como lugar de resiliencia, da titulada da Facultade de Belas Artes Luisa Silvela. No caso dos traballos de fin de mestrado (TFM), os recoñecementos foron para dúas egresadas do Máster Universitario en Investigación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, Raquel Álvarez e Cristina Pérez, polos seus proxectos Mulleres, arte e literatura: tres vértices posibles dunha intervención didáctica promotora do desenvolvemento sostible en Educación Infantil e Xogos e xoguetes tecnocientíficos na Educación Infantil: análise dende unha perspectiva de xénero.
“Recoñecemos non só a excelencia académica dos vosos traballos, tamén destacamos a sensibilidade, compromiso coa igualdade e espírito crítico”, sinalou ás gañadoras o presidente da Deputación, Luis López, no acto de entrega destes galardóns, que contan cunha dotación económica de 1000 euros.