DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pasar demasiadas horas sentados e unha incorrecta postura son as principais causas das doenzas

Os problemas nas costas, o que máis se trata no Servizo de Fisioterapia da Universidade

A unidade cumpre unha década atendendo á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Esteban Canle DUVI 18/02/2019

Co obxectivo de facilitar un programa de atención personalizada para a comunidade universitaria e como complemento da Unidade de Medicina Deportiva, púxose en marcha o Servizo de Fisioterapia da Universidade de Vigo. Creado no ano 2009, á fronte desta unidade está a fisioterapeuta Alicia Pérez, que explica que “o máis frecuente son os problemas de costas, que na súa maioría veñen dados por unha incorrecta posición durante as horas que os usuarios pasan sentados”. Así, a unidade cumpre unha década tratando doenzas que varían dependendo de factores como a idade, a actividade física e os hábitos posturais dos pacientes. 

Axudando á recuperación e evitando as recaídas

O obxectivo do servizo é axudar á recuperación funcional e evitar as recaídas, “explicándolle ao paciente o problema que ten para que poida facer certas cousas na súa vida diaria que deriven en que a dor non retorne”. Os tratamentos que se ofrecen dende a unidade de fisioterapia están destinados a aquelas persoas que así o precisen no caso de lesións ou molestias puntuais, ou como tratamento complementario para aquelas que teñen unha vida activa e fan deporte a cotío. A consulta está aberta tanto á comunidade universitaria como aos familiares e a sociedade en xeral con distintos prezos, pero os pacientes máis habituais pertencen ao persoal de administración e servizos.

Non é habitual que acudan á fisioterapeuta pacientes con lesións ou problemas de tipo crónico porque “o rango de idade dos usuarios é de xente nova, de menos de 50 anos”, subliña Pérez. Aínda que o máis habitual son os problemas de costas, tamén demandan este servizo pacientes con escordamentos, golpes, caídas ou lesións musculares, derivados do uso da sala cardio fitness ou dunha vida activa a nivel deportivo. Dependendo da doenza, as sesións de terapia están nunha “media de tres a catro semanais” no caso de lesións puntuais, e,  unha vez o mes, como control, no caso das lesións de costas. Neste senso a responsable da unidade explica que as lesións melloran “se os pacientes seguen os exercicios pautados, pero depende da evolución e da patoloxía en si mesma”. Nestas sesións o tratamento máis empregado por Alicia Pérez é a “terapia manual, unha combinación de inmobilizacións, masaxes, estiramentos e exercicios”, subliña a fisioterapeuta, que tamén salienta que se fai “electroterapia nalgúns tratamentos de lesións musculares”, aínda que non é o máis habitual. 

Funcionamento

O traballo do Servizo de Fisioterapia conta cunha alta demanda entre a comunidade universitaria, polo que, “en liñas xerais, non hai moitos ocos libres”, subliña Pérez. Esta consulta funciona ao longo de todo o ano, menos nos períodos non lectivos de Nadal e Semana Santa , no Edificio de Deportes do campus de Vigo. O servizo está aberto os mércores e xoves de 13.00h a 16.00h. con sesións de 45 minutos de duración e pódese facer a reserva a través da plataforma Deporxest. Ademais, este servizo tamén está dispoñible nos campus de Pontevedra e Ourense. 

Para os membros da comunidade universitaria e familiares o prezo do servizo oscila entre os 16 e os 20€ para sesións únicas dependendo de se teñen ou non o abono Muver, e entre 60 e 75€ no caso dos bonos de cinco sesións. Ademais, o servizo está aberto a todos aqueles que queiran achegarse aínda que non pertenzan a comunidade universitaria con prezos que se moven entre os 32 e 40€ para as sesións únicas e entre 128 e 160€ nos bonos de cinco sesións en función de se posúen ou non o abono Muver.