DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘Do final e do comezo’ acolle cada venres visitas guiadas abertas ao público

Os procesos creativos que se desenvolven en Belas Artes, nas verbas dos propios artistas

A mostra reúne as obras de 26 novos titulados e tituladas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/09/2022

Ata o 30 de outubro pode visitarse no Pazo da Cultura a exposición Do final e do comezo, unha mostra que reúne os proxectos artísticos que 26 novos titulados e tituladas en Belas Artes desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao (TFG). Comisariada pola artista e docente da facultade Basilisa Fiestras, coa participación na coordinación técnica das tamén egresadas da facultade Alexandra R. Rey e María Gar, a exposición que cada ano reúne unha selección dos TFG realizados na facultade pon nesta edición foco nos propios procesos de investigación e experimentación que dan lugar a obras nacidas como traballos académicos. Coa idea, como apunta Fiestras, “de que a xente se achegue o Pazo e poida coñecer de primeira man o discurso dos artistas”, a exposición acolle cada venres ás 18.00 horas unha visita guiada, aberta a todo o público interesado, na que as coordinadoras están acompañadas por parte dos artistas.

Esta iniciativa levouse a cabo por primeira vez a pasada semana e completouse cunha performance por parte dun dos titulados participantes na mostra e continúa este venres cun novo encontro no que presentarán as súas obras as graduadas e graduados Sandra Gutiérrez, Andrea Mosquera, Uxía González, Mae Pérez e Manuel Rial. Abertas ao público sen necesidade de inscrición previa, estas visitas guiadas continuarán desenvolvéndose cada venres, ás 18.00 horas, ata o 23 de outubro. Á semana seguinte, o domingo 30, Do final e do comezo desenvolverá o seu acto de clausura, para o que está prevista a participación de varios das e os artistas participantes, así como unha mesa de debate.

Estas visitas abertas súmanse á súa vez, como explica a comisaria da exposición, ás organizadas nestas semanas para estudantes de diferentes niveis educativos, desde alumnado de diferentes materias do grao en Belas Artes a un grupo de nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I.

Fóra das visitas guiadas, Do final e do comezo pode visitarse de martes a venres en horario de 18.00 a 21.00 horas, os sábados de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 horas.