DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñería Industrial festexou este xoves a San José

Os recoñecementos “á gran familia da enxeñaría industrial” e unha reflexión estratéxica cara o futuro marcan a celebración do patrón da EEI

UVigo Motorsport,UVigo SpaceLab, e CES UVigo recibiron un recoñecemento especial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/03/2023

A Escola de Enxeñería Industrial da UVigo festexou un ano máis ao seu patrón, San Xosé, nun acto institucional na sede de Torrecedeira, protagonizado polo persoal docente, investigador, alumnado e PAS ao que a dirección do centro amosou publicamente o seu recoñecemento. No salón de actos do centro, a celebración do patrón comezou coa conferencia Desafíos e oportunidades para os e as futuras enxeñeiras na estratexia de I+D+i empresarial, impartida por Santiago García Seoane, xerente de Mantemento OSP Norte en Renfe Fabricación e Mantemento.

A entrega dos recoñecementos aos docentes mellor valorados, así como aos que cumpriron 30 anos de actividade; a mozas e mozos investigadores; PAS e por vez primeira ao alumnado do centro que participa en UVigo Motorsport,UVigo SpaceLab, e CES UVigo, centrou a celebración, que rematou co discurso do director do centro, Juan Pardo Froján, que destacou a importancia destes recoñecementos e incidiu na importancia de seguir a traballar a prol da excelencia da escola. O acto institucional, conducido pola subdirectora Ana Mejías, rematou cunha foto de familia e unha pequena mascletá no exterior da escola.

Recoñecementos clásicos e novos para o alumnado

Os recoñecementos ao persoal da Escola que outorga cada ano a EEI, incorporaron este curso unha novidade, “porque non podemos esquecernos da nosa razón de ser que é o alumnado”, destaca o director do centro, en relación aos que hoxe recibiu o alumnado do centro que participa nos proxectos UVigo SpaceLab, UVigo Motorsport e CES UVigo.  

A este novo recoñecemento se sumaron os que recibiu o profesorado mellor valorado para José Ramón Fernández, Óscar López, Francisco Javier De la Puente, Emilio Rosales, Eduardo Godoy e Miguel Ángel Gómez; os PAS Alfonso Covela e Guillermo de Oca, próximo á xubilación e que agradeceu aos asistentes, na súa intervención, as mostras de cariño recibidas; e os docentes que cumpren 30 anos de actividade, Ramón Soto, Paulino Alegre, Joaquín López, Enrique Granada, Gerardo Peláez e Luis Eguizábal. Tamén recibiron o seu recoñecemento as mozas e mozos investigadores Andrea Martínez, Diego Silva, Saúl Díaz, Antía Fernández e Ana Vilas. “Aínda que todos os recoñecementos son moi importantes, gustaríame resaltar o dos mozos e mozas investigadores que se outorga ás persoas que lles foi concedida unha bolsa predoutoral nalgunha das convocatorias do Ministerio, a Xunta ou a UVigo. Non é doado o camiño elixido que aposta por continuar formándose e seguir preparándose, pero é moi importante tratar de reter o talento na Universidade”, destaca Pardo Froján. 

A entrega de recoñecementos produciuse logo da intervención do exalumno da Escola e actual xerente de Mantemento OSP Norte en Renfe Fabricación e Mantemento, Santiago García Seoane, que sinalou a simplicidade e o sentido común como os camiños polos que debe ir a I+D+i. “Os grandes avances requiren simplicidade”, asegurou, ao tempo que animou ao alumnado a ver no sector do ferrocarril unha saída laboral a ter e conta, na que os e as egresadas da UVigo, asegurou, “teñen moi boa consideración”.

Desexos para o patrón

No seu discurso, o director do centro, Juan Pardo Froján, formulou unha serie de desexos ao patrón da Escola, logo de referirse aos recoñecementos entregados, “que representan a importancia dos tres eixos que son esenciais para a consecución da excelencia á que toda escola aspira: calidade na docencia, o fomento da actividade investigadora e o papel que xoga a emprendemento”. Pardo fixo referencia “aos importantes retos que teremos que enfrontar nos próximos anos”, para os que Escola ten aberto neste intre un proceso de reflexión estratéxica, co obxectivo de posicionarse mellor cara os desafíos do futuro, “para garantir que o centro siga sendo unha referencia que atenda as necesidades reais da nosa contorna, da nosa comunidade”. Un proceso de reflexión, que o director da EEI agarda que sirva para definir un plan estratéxico que marque as directrices para acadar unha posición que as sitúe entre as primeiras escolas de enxeñaría industrial e tamén no ámbito biomédico.

O director da EEI aproveitou o seu discurso para poñer en valor os logros acadados e por seguir ofrecendo unha oferta formativa que se adecúe ás necesidades do futuro. “No vindeiro curso temos previsto poñer en marcha dúas novas titulación, Grao en Automoción con mención dual e o Mestrado interuniversitario en Fabricación Aditiva”, apuntou Juan Pardo, que tamén confirmou que se está a traballar para a partir de o curso 24/25 se incorporen novas titulacións de máster dentro do estudo Galicia2030, para o que se segue a traballar en títulos como o Mestrado en Vehículos Autónomos.