A entrega tivo lugar no serán deste mércores en Compostela
Os recoñecementos a María Mayán e Iria González fan brillar á UVigo nos Premios Fundación Barrié-RAGC
Destacaron o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”
Este mércores foi un día de celebración da excelencia na Universidade de Vigo. Fíxose pola mañá na celebración de San Tomé de Aquino e continuou pola tarde no compostelán Pazo de San Roque coa entrega dos Premios de investigación Fundación Barrié-RAGC, unha gala na que se entregan os premios ás mellores investigacións feitas en Galicia e que, nesta ocasión, trouxo para a UVigo o Premio en Ciencias Básicas para un proxecto liderado desde o CINBIO por María Mayán no que se busca unha nova diana terapéutica contra o cancro, e o Premio á mellor investigación en Ciencias Sociais para un estudo dirixido a reducir o impacto ambiental do comercio electrónico, realizado pola investigadora da Escola de Enxeñería Industrial, Iria González.
Na busca de novas opcións terapéuticas contra o cancro
O proxecto liderado desde o CINBIO por María Mayán, responsable do grupo de investigación Cellcom, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, céntrase na identificación dunha proteína como unha potente diana terapéutica para loitar contra un tipo de mutación xenética presente en cancros como o melanoma, o de mama ou o colorrectal. Amósase capaz de frear o crecemento de certos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos. “A resistencia ao tratamento é un dos retos máis importantes en oncoloxía, por iso proxectos encamiñados a entender os mecanismos implicados e a buscar solucións son tan relevantes para poder chegar a curar o cancro ou, polo menos, cronificalo”, salientou a investigadora, ao tempo que resaltou que “esta investigación exemplifica o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”.
Aposta pola sostibilidade no comercio electrónico
O premio en Ciencias Sociais foi para Iria González, da Escola de Enxeñería Industrial, que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. É a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, cun alto impacto ambiental. A investigación proporciona ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables neste último tramo do proceso. “Para nós este premio é un recoñecemento á aposta pola sostibilidade e un impulso para seguir a traballar nesta liña” -sinalou a investigadora-.
“A ciencia non avanza a base de xestos espectaculares”
A entrega de premios contou coa asistencia do presidente da RAGC, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. Acompañáronos diversas autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Juan Lema reafirmou na súa intervención “o papel da ciencia como elemento central do progreso da nosa sociedade, como motor de desenvolvemento social, económico e cultural”. E puxo de relevo que “a ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso”. Manifestou, así mesmo, que “a RAGC forma parte dese esforzo colectivo por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común, capaz de responder aos retos do presente. As múltiples distincións e recoñecementos recibidos polas nosas académicas e académicos son motivo de orgullo colectivo, pero tamén unha proba clara da solidez e do nivel da ciencia que se fai en Galicia”.
Recoñecementos en distintas categorías
Na categoría de Ciencias Técnicas premiouse o traballo do grupo de Cristina Gallego, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -Cretus- da Universidade de Santiago de Compostela. Neste caso, propoñen un xeito innovador e sustentable de aproveitar a pel do peixe, empregándoa para obter xelatina de alta calidade para o os sectores alimentario, farmacéutico e cosmético. “Este recoñecemento é unha demostración de que o traballo científico permite avanzar cara a un futuro máis sustentable e afrontar problemas reais que nos afectan a todos” -apuntou a investigadora-.
Así mesmo, tamén se entregaron diferentes accésits en todas as categorias.
